Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2025 | Actualizada ás 18:45
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aprobou unha nova resolución que permite, baixo estritas condicións, o control poboacional do lobo en Galicia cando se constaten danos sobre a gandaría.
O lobo, cuxa caza permanece prohibida con carácter xeral, volve así a incluírse como especie sobre a que se poderán autorizar accións específicas, como esperas, batidas e monterías, en determinados casos. Búscase así un equilibrio entre a conservación do lobo, o resto de especies e a gandaría.
En rolda de prensa, a conselleira Ángeles Vázquez explicou que a medida responde o crecemento sostido da poboación de lobos en Galicia, un 37% nas dúas últimas décadas, pasando de 68 a 93 mandas, e ao incremento do 308% nos avisos por danos desde 2010. Ademais, asegurou que o lobo na comunidade xa non é unha especie en perigo de extinción, polo que xa non está incluído na listaxe de máxima protección, senón que volve recuperar o status de especie cinexética, como antes do 2021.
A resolución, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), establece que nos meses de abril, maio e xuño, só poderán realizarse esperas, para non interferir coa época de cría doutras especies nin do propio lobo. A diferenza de batidas e montería, onde os cazadores poden ir en busca do animal, nas esperas non se permite rastrexar, senón agardar en puntos concretos onde se rexistrou actividade e danos.
OBXECTIVO DE VIABILIDADE NA BIODIVERSIDADE GALEGA
"Manter unha poboación viable de lobos, pero manter unha poboación viable de gandeiros e do resto de especies", é o obxectivo segundoVázquez, que fixo referencia á diminución de corzos en certas zonas e outras onde o cabalo galego está a piques de desaparecer, xa que as crías non logran sobrevivir, e en especial a buscar a protección da gandaría extensiva.
A conselleira insistiu en que a resolución busca compatibilizar a conservación coa protección da economía rural. As autorizacións rexeranse polo Plan de xestión do lobo en Galicia aprobado en 2008 e aplicaranse en función de tres zonas de xestión: as zonas 1 e 2 serán competencia das delegacións provinciais, e a zona 3, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Precisamente este venres e tras a publicación no DOG da resolución, Unións Agrarias solicitou formalmente á Consellería de Medio Ambiente que active de forma urxente medidas de control sobre o esta especie no Concello do Pino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.