'Os Camiños de Laxeiro', unha ruta polos lugares de Galicia que inspiraron o pintor

Trátase dunha actividade impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 01/05/2022 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes uniranse para homenaxear o pintor José Otero Abeledo, Laxeiro, cun conxunto de rutas guiadas que se realizarán os días 7, 21 e 28 de maio, da man do historiador, arqueólogo e escritor Felipe Senén López Gómez.

As rutas, 'Os Camiños de Laxeiro', que contan con 25 prazas cada unha, comezarán ás 11,00 horas, e as persoas interesadas poden anotarse no correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. O percorrido, a pé, durará unhas dúas horas e media, e permite coñecer os lugares que inspiraron o artista.

A primeira das rutas será en Lalín e leva por título 'O Deza de Laxeiro: A Romea', con saída desde o museo municipal Ramón María Aller, percorrerá os lugares relacionados coa súa orixe, a súa casa, a súa familia, a súa veciñanza, a súa escola ou o bosque de Catasós. En Vigo, haberá unha ruta do 21 de maio para dar a coñecer 'O Vigo de Laxeiro', no que estivo o seu taller de rúa Príncipe, onde frecuentaba tabernas e faladoiros, e onde os participantes poderán coñecer parte da súa obra, exposta na fundación que leva o seu nome.

Por último, o 28 de maio a ruta 'A Boa vila nos Camiños' terá lugar en Pontevedra, onde se ensinará a faceta máis intelectual da capital provincial, unha cidade moi querida polo pintor, e onde poden verse os seus murais no Café Moderno e as súas obras no Museo de Pontevedra.

NOVAS ACCIÓNS FORMATIVAS

Por outra banda, a institución provincial informou tamén da realización doutras cinco accións formativas esta semana, a través do programa SmartPeme, que serán impartidas de forma presencial e en liña. Así, en próximos días ofreceranse cursos sobre fabricación dixital e en 3D (con prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro), sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, sobre infografía, ou fundamentos básicos do 'packaging'. 

Busto de Laxeiro
Busto de Laxeiro | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta