Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2022 | Actualizada ás 19:23
Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CXT iniciaron este luns, 2 de maio, unha recollida de firmas para solicitar ao Goberno central o indulto para Xesús Anxo López Pintos, que foi secretario comarcal da CIG, e que foi condenado a seis meses de cárcere por uns incidentes acontecidos no ano 2012, ás portas dun hotel de Ferrol, onde o Partido Popular realizaba un acto de pegada de carteis, cando, no exterior, se produciu unha mobilización do sector naval, que finalizou con disturbios e con Pintos detido.
Ademais, tamén convocaron unha manifestación para o 31 de maio, que partirá ás 20,00 horas da praza de España de Ferrol, ante o edificio da Xunta, "en demanda de xustiza para Pintos, evitar a súa entrada no cárcere e que se consome este ataque á liberdade sindical", detallou Manel Grandal, secretario comarcal da CIG na comarca de Ferrol.
Nunha rolda de prensa, Grandal detallou que "unha vez máis", con esta detención, "se converteu á vítima en verdugo". "Estamos ante unha actuación teledirixida cun obxectivo claro para o Goberno naquel momento", sinalou. O responsable da CIG pediu á cidadanía "solidariedade e que se mobilice para evitar que o compañeiro Pintos poida entrar en prisión", unha posibilidade que cualificou de "inxusta e surrealista" e contra da que, adiantou, chegarán "a todas as instancias que sexa necesario".
Ademais, como o indulto "é unha decisión política que ten que decretar o Consello de Ministros", as centrais sindicais van pedir unha reunión co delegado do Goberno en Galicia e audiencia coa ministra de Xustiza porque "se algún indulto se debe de conceder e é de xustiza, é o de Pintos".
LIBERDADE SINDICAL
Pola súa banda, o secretario comarcal de CCOO en Ferrol, José Furtado, asegurou que esta sentenza "constitúe un ataque ao mundo sindical e un intento de coartar a resposta sindical". Fronte a iso, fixo un chamamento "á unidade e á solidariedade de clase".
Na mesma liña Jorge Ulla, da xestora de UGT en Ferrol, cualificou este fallo xudicial de "condena a todos os traballadores", e rememorou a situación de crise na que se fixo a mobilización de outubro de 2012, en marcando o proceso de Pintos no contexto das "receitas de recortes" do Goberno de Mariano Rajoy.
Por último, Xaquín García Sinde, secretario da sección sindical da CXT en Navantia Ferrol, manifestou que "esta campaña a favor do indulto debe servir ademais como recordatorio do que supuxo o Goberno do PP de ataque aos dereitos laborais e democráticos, que ten o máximo expoñente na coñecida popularmente como lei mordaza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.