Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2022 | Actualizada ás 12:23
Xa está aquí a sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, un concurso destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico. Da man da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), esta convocatoria procura dar coa mellor información de temática científica, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de xuño de 2021 e o 20 de maio de 2022 en diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión.
O premio alcanza os 3.000 euros para o traballo gañador. Ademais, concederase un accésit premiado con 1.000 euros para o segundo traballo mellor valorado. O prazo de presentación remata o 20 de maio. Para participar, o proceso debe tramitarse de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas webs da Real Academia Galega de Ciencias (ragc.gal) e da Axencia Galega de Innovación (gain.xunta.gal) a partir do
20 de abril, data na que se abre o prazo de recepción de traballos.
O xurado estará presidido pola Secretaria da RAGC e contará con catro vogalías, dúas designadas por GAIN e outras dúas designadas pola RAGC, entre as que haberá profesionais de recoñecido prestixio relacionadas cos ámbitos da comunicación e da divulgación científica.
Aquí poden atoparse as bases ao completo que rexen a convocatoria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.