Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 20:28
A emoción, a potencia e a alta velocidade do piragüismo regresan esta fin de semana a Pontevedra coa II Copa de España de Sprint Olímpico de Embarcacións Múltiples en categorías Sénior e Xuvenil masculino e feminino. O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), desenvolverase entre este xoves e o domingo no Complexo Deportivo David Cal de Verducido e contará coa participación de case 700 padexeiros e padexeiras procedentes de todo o Estado.
Quen se acheguen ata as instalacións de Verducido poderán gozar co espectáculo das embarcacións de 63 clubs estatais, que competirán nas distancias de 1.000, 500 e 200 metros. As series clasificatorias de contrarreloxo terán lugar durante toda a mañá do sábado, entre as 9:00 e as 13:30 horas; as semifinais terán lugar pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas; e as finais o domingo 8 pola mañá.
Esta II Copa de España de Sprint Olímpico foi presentada este mércores nun acto no que participaron o presidente da FGP, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen lembrou que "o piragüismo é un referente en Pontevedra" e que este campionato afianza aínda máis o seu posicionamento "como capital deste deporte en Galicia e, neste caso, de España".
Pola súa banda, Alfredo Bea explicou que este evento "é non só Copa de España, senón tamén selectivo de barcos dobres, individuais e de catro padexeiros para facer os equipos que irán á Copa do Mundo, o Campionato do Europa e o Mundial". Tal e como indicou o presidente da FGP, o prato forte chegará "o sábado e o domingo co enfrontamento de clubs, no que volveremos contar outra vez con todos os olímpicos, por exemplo, a K-4 subcampioa olímpica (composta por Saúl Craviotto, Marcus Cooper, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade).
Alfredo Bea tamén destacou o proxecto K-4 co equipo feminino de España, no que están Sara Ouzande, do Kayak Tudense, Teresa Portela, da Ucam, Carolina Otero, do Náutico de Sevilla, e outra padexeira catalana. "Aspiran a volver poñer o K-4 das mulleres de España no máis alto", sentenzou Bea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.