Un equipo arqueolóxico descobre un xacemento romano na illa de Sálvora que podería ser unha factoría de salgadura

Os traballos, similares aos realizados en 2021 na illa de Ons, onde tamén saíron á luz xacementos da época romana, centráronse nunha zona do Areal dos Bois onde hai anos foran descubertos materiais arqueólicos en superficie.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Unha escavación arqueolóxica desenvolvida no mes de abril na illa de Sálvora descubriu un importante xacemento da época romana que, segundo os primeiros indicios, podería corresponder aos restos dunha factoría de salgadura.

O achado foi obra do Grupo de Estudios de Arqueología, Antigüedad yTerritorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, encargados da primeira escavación arqueolóxica nesta illa, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Os traballos, similares aos realizados en 2021 na illa de Ons, onde tamén saíron á luz xacementos da época romana, centráronse nunha zona do Areal dos Bois onde hai anos foran descubertos materiais arqueólicos en superficie.

Así, os profesionais da UVigo, en colaboración coa Administración autonómica, iniciaron unha sondaxe valorativa nunha duna, que deu como resultado o descubrimento dunha estrutura da época romana.

O equipo localizou un muro de contención que nivelaba o terreo nunha zona por onde corría un antigo regato e, fóra do edificio romano, identificaron un vertedoiro con centos de fragmentos cerámicos, ósos de animais, cunchas, un coitelo de ferro e unha hebilla de bronce. O material descuberto será posto a disposición do laboratorio do grupo encargado dos traballos, que ten base no campus de Ourense, segundo detalla a Consellería de Medio Ambiente.

O obxectivo é arroxa luz sobre a cronoloxía do xacemento ou os hábitos de consumo e vida dos seus habitantes para coñecer, por exemplo, que especies existían e servían de alimento ás persoas que vivían en Sálvora entre o século I e o IV despois de Cristo.

Ademais disto, a sondaxe tamén recuperou fragmentos de morteiro hidráulico formado por cal e cantos rodados que se usaba habitualmente como revestimento dos alicerces de sala, similares aos que se empregaban noutras fábricas romanas descubertas no Grove, Vigo, Ons ou A Illa.

Xacemento romano descuberto na illa de Sálvora. XUNTA
Xacemento romano descuberto na illa de Sálvora. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta