Bota a andar o "estilo Rueda" co "sentidiño" de Feijóo e defensa de España e do Rei

BNG e PSdG xa albiscan o cambio de goberno e falan dun PP "esgotado". Ana Pontón vese xa como futura presidenta da Xunta e Luis Álvarez asegura que as galegas daránlle "carpetazo" a Rueda nas vindeiras eleccións. Susto na Cámara tras o traslado ao hospital de Puy Fraga.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/05/2022 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

"Sentidiño", "continuidade", aposta polo traballo e a familia e defensa das institucións de España e do Rei. O "estilo Rueda" comezou este venres a súa andaina en Galicia co apopio do grupo popular e a oposición frontal da oposición, a mesma que tiña Feijóo, que considera que as súas políticas son un "copia e pega" do que xa había.

Rueda e Feijóo fúndense nun abrazo na sesión do pleno de investidura.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Rueda e Feijóo fúndense nun abrazo na sesión do pleno de investidura.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Unha sesión de investidura un tanto descafeinada na que o candidato a presidente tiña o guión xa marcado por un goberno de continuidade e unha oposición que fixo o que xa facía co seu antecesor, votar en contra. Tamén houbo sustos cunha indisposición --algunhas fontes falan dun amago de infarto-- do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, e momentos curiosos, como o erro da secretaria da mesa da Cámara, Corina Porro, na votación final que esqueceu a varios deputados e deputadas, entre elas, a propia Ana Pontón.

A foto da sesión de investidura deixa tamén a un Feijóo como actor secundario, algo ao que non está afeito, con poucos cariños por parte do seu sucesor e, mesmo da súa bancada. Só Miguel Tellado, que vai con el a Madrid, insistiu nos seus logros, cando tivo que substituir no debate a Puy tras o seu traslado ao hospital. Un Feijóo que aplaudiu a Rueda en varias ocasións, pero ao que se lle vía incómodo, lendo e asinando papeis durante toda a xornada sen prestar moita atención ao debate. 

Pero, finalmente, tamén foi o protagonista involuntario da sesión. Tras o remate da votación e cun Rueda xa presidente electo, os líderes da oposición, Ana Pontón e Luis Álvarez, achegáronse a saudar ao novo xefe do executivo galego. Houbo un intercambio cordial de saúdos e apertas de mans con Rueda, pero tamén con Feijóo, con quen Pontón mesmo mantivo unha pequena conversa.

O "ESTILO RUEDA"

Son as poucas anédoctas dunha sesión de investidura previsible e na que estaba xa o peixe vendido desde había tempo. Rueda volveu a defender o seu "estilo", o "estilo Rueda" pero insistiu en que o seu goberno será o o da "continuidade" das políticas e o "sentidiño" de Feijóo. "Non vou prometer que non vou acertar sempre, pero vou a decidir a conciencia o que sexa mellor para os galegos e galegas. Teño un proxecto e unha folla de ruta que hai que implementar e serán os galegos os que decidirán se teño que continuar ou non", suliñou.

O ata agora vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (e), e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, conversan na investidura de Rueda como presidente da Xunta.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O ata agora vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (e), e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, conversan na investidura de Rueda como presidente da Xunta.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Sobre o seu estilo de goberno foi contundente. "Será o da continuidade, continuidade da boa. Non hai razóns para buscar sacudidas. Correxirei erros e procurarei acertar pero sempre buscando a unidade de todos os galegos", engadiu ao tempo que fixo unha defensa da unidade de España e da figura do Rei. "Aquí somos España e nos consideramos españois. Defenderemos as institucións e a figura de El Rei", dixo.

OPOSICIÓN DA OPOSICIÓN

"Presidente imposto", "dedazo" ou " proxecto esgotado" foron algunhas das verbas utilizadas polos líderes da oposición en Galicia para describir a chegada de Rueda á Presidencia da Xunta. Para Ana Pontón e Luís Álvarez, o novo xefe do executivo galego non deixa de ser máis que o "escollido" por Feijóo para rematar a lexislatura. Por iso, coinciden en que o PP está "esgotado" e que xa comezou o "cambio" en Galicia.

Un cambio no que se ve xa como presidenta a líder do BNG. De feito, Ana Pontón, presentou á formación nacionalista "preparada para gobernar" para "darlle a volta" á situación actual e, non en balde, anunciou mesmo as que serían as súas primeiras medidas "como presidenta" da Xunta, nun discurso no que se dirixiu directamente aos galegos: "O cambio galego está en marcha, empezou a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta".

"Vostede, señor Rueda, non é máis que un presidente accidental, o primeiro que non foi elixido como tal polos galegos. E non convocan eleccións porque saben que as perderían", proclamou, antes de salientar que "vai chegar á Presidencia da Xunta de rebote, porque o seu xefe de filas considerou máis importante ser presidente do PP, que ser presidente de Galicia; considerou máis importante ocupar a sede dun Partido Popular condenado por corrupción que ocuparse do Goberno de Galicia".

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, defendeu a "alternativa socialista" para liderar Galicia fronte á proposta "vella e esgotada" presentada polo candidato popular á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, a quen avisou: "Galicia non pode esperar a que vostede aprenda".

"A súa proposta é vella e esgotada, unha proposta á que os galegos e galegas vamos a darlle carpetazo, non teña ningunha dúbida, tan pronto se convoquen eleccións e teñamos ocasión de ofertarlle á sociedade esa alternativa que encarna o PSdeG", dixo. Así, na súa intervención no debate de investidura, Álvarez contrapuxo o modelo de país "activado e en marcha", que "recupere a ilusión e o dinamismo, que supere os complexos do PP" fronte á proposta "sen ilusión" e con "fatiga" que, na súa opinión, representa Rueda.

"MÁIS DO MESMO"

"No canto de ideas frescas o que vemos é esgotamento e as mesmas palabras de sempre", sostivo Luís Álvarez, nun discurso no que asegurou que Rueda representa "máis do mesmo". "Un tempo político esgotado que xa deu de si todo o que podía dar", incidiu.

Pontón tamén se referiu no seu discurso ao "currículo" de Rueda, no que figura, dixo, "o ataque e o desprezo á lingua do país". "Aí estaba detrás da campaña electoral máis sucia que se lembra, convertido nun avanzado das 'fakenews', abandeirado da política do 'todo vale' con tal de facerse co poder, deixar claro cal é o seu listón ético", manifestou en alusión á presenza de Rueda nas manifestacións de Galicia Bilingüe que serviron de previa ás eleccións do 1 de marzo de 2009. 

"O vello ou o novo, o pasado ou o futuro, o PP ou o BNG", aseverou, expondo que estas "son as dúas alternativas que se confrontan neste debate, os dous modelos entre os que moi pronto escollerán os galegos" e nun discurso no que debullou unha sorte de programa electoral dun hipotético goberno do BNG baseado en dez eixos estratéxicos.

"OS DO NON"

Pola súa banda, o dirixente pontevedrés Alfonso Rueda, lamentou a actitude da oposición, á que ve "instalada no non", e ironizou co discurso pronunciado coa líder do BNG, Ana Pontón, en clave 'presidencial': "O candidato son eu". "A primeira sensación que teño é que lles sobraba a sesión de investidura, dixese o que dixese, ían dicir que non". Por iso, considerou que o "non" no que ve "instalada" á opoción é "unha mala postura". "Galicia merece algo máis que escoitar a políticos enrocados no non. Tanto eu, como o meu goberno e o meu grupo, a Galicia ímoslle dicir que si", proclamou.

Nunha intervención na que tamén afeou as "cifras equivocadas" que atribuíu á oposición e advertiu que, aínda que está disposto a dialogar co PSdeG, espera que sexa máis fiel ao cumprimento dos seus compromisos que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, co exemplo das rebaixas fiscais, cargou con especial intensidade contra o BNG.

Rueda ironizou con que  Ana Pontón, "marcouse" unha "investidura dos mundos de Yupi" e lembroulle: "O candidato son eu". A liña seguida, subliñou os resultados electorais do BNG nos últimos comicios e a dilatada traxectoria da nacionalista no Parlamento. "Cando lle daba o biberón á miña filla xa era deputada, e está na universidade", exemplificou.O dirixente pontevedrés Alfonso Rueda, proposto polo Grupo Parlamentario Popular para suceder a Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, lamentou este xoves a actitude da oposición, á que ve "instalada no non", e ironizou co discurso pronunciado coa líder do BNG, Ana Pontón, en clave 'presidencial': "O candidato son eu".

Por iso, considerou que o "non" no que ve "instalada" á opoción é "unha mala postura". "Galicia merece algo máis que escoitar a políticos enrocados no non. Tanto eu, como o meu goberno e o meu grupo, a Galicia ímoslle dicir que si", proclamou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta