O conselleiro de Sanidade: "Quen di que a sanidade pública está desmantelada, engana"

Destaca que Vigo "ten un dos mellores hospitais construídos en Europa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2022 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, considera "un engano" que se fale de "desmantelamento da sanidade" pública en Galicia, á vez que reivindicou o gasto sanitario da Xunta.

A preguntas dos medios, no marco dunha xornada en Santiago, sobre a manifestación de miles de persoas este xoves en Vigo en defensa da Atención Primaria, Comesaña expresou o seu "respecto" polas persoas manifestantes, pero reprochou aos "convocantes, promotores e financiadores" que fagan "un uso partidista da sanidade". Así, lembrou que tamén en Vigo se fixo anteriormente outra manifestación para denunciar que o Hospital Álvaro Cunqueiro "ía ser privado e se ía pagar por usar os sofás". "A cidadanía xa coñece estas tácticas partidistas", abundou.

Neste sentido, sinalou que a cidadanía "coñece a sanidade que ten Vigo" que, asegurou, "ten probablemente un dos mellores hospitais construídos en Europa" e conta cunha Atención Primaria con "todo o esforzo da Consellería de dotala de recursos", con novas prazas.

"Se algún dos convocantes falase das prazas que non se van poder dotar, ou falase da falta de especialistas que temos en Atención Primaria en toda España, sería unha cuestión diferente. Se os convocantes e os promotores da manifestación obvian iso e falan dun desmantelamento da sanidade pública en Galicia, paréceme un engano unha vez máis, ao que estamos acostumados que fagan algúns partidos políticos e algunha organización para tratar de confundir e sacar rédito político", reprochou.

Por iso, reivindicou que a sanidade pública en Galicia "é un orgullo para os seus integrantes". "Resolvemos a pandemia cos mellores datos de vacinación de toda España, coa menor taxa de mortalidade peninsular, con nota sobresaliente", afirmou.

"ENGANAR"

Así, considera que "aproveitar este momento político para unha vez máis desprestixiar a sanidade pública galega e os seus profesionais parece que descualifica por si mesmo a aqueles que promoveron e financiaron esta manifestación", sentenciou. Preguntado sobre se tantos miles de persoas están enganadas, Comesaña insistiu en que falar en Galicia de "desmantelamento da sanidade pública é enganar".

"Estamos a investir 4.500 millóns de euros na sanidade pública todos os anos, o maior orzamento que ten a Xunta utilízase en sanidade pública", insistiu. "Pódese falar de que non temos médicos especialistas, é unha realidade; pódese dicir que a demanda se resolveu dunha maneira excelente, que a vacinación foi a mellor ou que a resposta á pandemia foi boa, pero non dicir que se desmantela a sanidade pública". "Quen di que a sanidade pública está a desmantelarse, esa persoa engana", concluíu.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, durante unha entrevista con Europa Press, a 23 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia, (España).. Salomé Montes - Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, durante unha entrevista con Europa Press, a 23 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia, (España).. Salomé Montes - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Purfica

Pois pode vir a urxencias o CHUO, pero como un cidadán de a pe, non coma conselleiro, e vera o ben que funciona. Non hai persoal, nin medios..Claro que igual están mandando todo cara Vigo, quen sabe!!. E que dicir da Atención Primaria, un medico para dous Concellos, eso cando vai o médico, que hai días SIN. O persoal está canso, leva tres anos de pandemia e non ten quen os sustitúa cando piden un dia libre, co al moitas veces deneganllo. Temos un persoal que merece todos os aplausos e todas as loas, pero os administradores son unha vergoña.