Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/05/2022 | Actualizada ás 19:56
Os Xardíns que Falan convertéronse en talismán para os clubs deportivos da cidade de Pontevedra. Despois de darlle forza e folgos ao Pontevedra CF para ratificar o seu ascenso a Primeira RFEF, o proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter as zonas verdes de Pontevedra en "espazos vivos, dinámicos e comprometido", quixo poñer agora o seu gran de area para que o Club Cisne Balonmán poida selar canto antes o seu ascenso a Asobal.
Con tal motivo, os xardíns da Praza de Ourense amenceron este venres cunha portería, uns fermosos arranxos florais e varios carteis de apoio ao equipo pontevedrés ante os últimos partidos que lle quedan por diante (o seguinte será o que o enfronte este sábado 14 de maio ás 19:30 horas co EÓN Balonmán Alicante no campo deste último), lembrando tamén o recente ascenso acadado polo Pontevedra CF. Entre as frases de apoio que flanquean o escudo do Cisne pódense ler ‘Orgullo do noso’ e ‘Forza ao CB Cisne no seu ascenso’.
Ata o lugar desprazáronse o propio concelleiro Iván Puentes e os seus compañeiros Yoya Blanco e Marcos Rey, edís de Turismo e de Benestar Social, para desexarlles a mellor das fortunas en persoa aos xogadores Román Arboleya, Daniel Neves e Nico Samudio. Tal e como explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “hoxe reformulamos este Xardín que Fala da Praza de Ourense para conxurarnos novamente ante un éxito dun equipo destacado da cidade, que leva o nome de Pontevedra por España adiante,”.
“Parece que estes Xardíns lle deron boa sorte ao Pontevedra CF, así que agora queremos repetir sorte co Cisne e poder ter un equipo da cidade na máxima categoría. Agardamos poder celebrar cunha grande festa ese ascenso para o club e ese éxito para cidade, porque, como sempre digo, un equipo en máxima categoría supón un éxito deportivo pero tamén actividade económica e emprego”, asegurou Iván Puentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.