Por Galicia Confidencial | Barcelona | 16/05/2022 | Actualizada ás 21:00
A ensaísta e investigadora María Lopo, catedrática de Francés e autora de varios libros sobre María Casares, pronunciará o xoves 19 de maio a conferencia inaugural do Congreso Internacional sobre dita artista galega, organizado na Universidade Autónoma de Barcelona con motivo do centenario da gran actriz nacida na Coruña en 1922 e exiliada en Francia desde 1936.
No congreso intervirán diversos especialistas europeos, así como a profesora e actriz Esther Lázaro, coordinadora do evento; o director teatral Lluís Pasqual e o catedrático Manuel Aznar Soler, fundador e director do Grupo de Estudios del Exilio Literario (GEXEL), que forma parte do comité organizador.
O mesmo día, María Lopo presentará na mítica Llibreria Laie de Barcelona a súa edición introducida e anotada das memorias de María Casares, Residente privilegiada, que publicou a Biblioteca del Exilio da Editorial Renacimiento. O libro será presentado polo xornalista e crítico teatral Joan de Sagarra, ademais de polos citados María Lopo e Manuel Aznar Soler.
Ao día seguinte, venres 20, terá lugar un recital multilingüe do poeta Claudio Rodríguez Fer sobre o exilio, que rematará coa lectura do seu poema “A viaxe vermella (María Casares)” en numerosos idiomas (galego, catalán, castelán, francés, occitano, italiano, inglés, ruso, grego) a cargo do propio autor, de diverso profesorado universitario e da cantautora catalá Marina Rossell, quen finalmente clausurará o congreso cun concerto no Ateneo Barcelonés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.