O museo máis importante do mundo sobre a gaita estará en Verín

O concello e Xosé Lois Foxo chegaron a un acordo de colaboración para crear o 'Museo Internacional da Gaita' na vila do Támega. Para acoller tan ampla colección rehabilitarase o antigo edificio dos almacenes Recaredo Romero, obra do arquitecto Daniel Vázquez Gulías.

Por Galicia Confidencial | Verín | 18/05/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Verín está a piques de converterse nun referente internacional da música tradicional do Arco Atlántico europeo, así como da cultura e da difusión do folclore europeo. O concello prepara a exposición permanente da que posiblemente é a colección privada máis importante de gaitas do mundo, xunto con importante documentación, fondos sonoros e manifestacións artísticas relacionadas, que servirán para crear o Museo Internacional da Gaita.

Edificio Gulias. Foto: Prensa do Concello de Verín
Edificio Gulias. Foto: Prensa do Concello de Verín

A importancia histórica da música tradicional e da gaita na comarca de Monterrei xa fora estudiada polo musicólogo e director da Real Banda de Gaitas de Ourense Xosé Lois Foxo, en numerosas ocasións, dada a abundancia de testemuñas desde a Idade Media, a presencia de gaiteiros no retablo da Igrexa dos Remedios (obxecto hai tres anos da exitosa exposición “Verín, En Clave de gaita” no Museo do Claustro Mercedario) e a actual vocación gaiteira no Val do Támega.

Agora, o Concello de Verín e Xosé Lois Foxo veñen de chegar a un acordo de colaboración para crear o Museo Internacional da Gaita para poder expoñer a colección privada internacional máis importante do mundo de cornamusas e todas as tipoloxías deste instrumento, que reúne os mellores exemplares que se conservan de todos os países do planeta no que está presente esta manifestación musical.

O consistorio e Xosé Lois Foxo ultiman un modelo de cooperación para acoller tan importante fondo --que abrangue os mellores estudos, documentación e gravacións da historia da música folk galega desde que o histórico estudoso Fourier comezase a recompilar as cantigas tradicionais con notación musical-- que permita albergar, conservar, difundir e interpretar os centos de pezas que abrangue a colección.

LUGAR ESCOLLIDO E FINANCIAMENTO

Tendo en conta que o Museo do Claustro Mercedario non vai poder albergar a ampla colección que se presume, o concello pensou en rehabilitar o antigo edificio dos almacenes Recaredo Romero, obra do arquitecto Daniel Vázquez Gulías. O novo espazo suporá a creación do Museo Municipal de Verín propiamente dito e suporá a recuperación dunha das mellores construcións do arquitecto que tamén fixo, en Verín, o Balneario de Cabreiroá ou o da Illa de A Toxa.

Gaitas da colección. Foto: Prensa Concello de Verín
Gaitas da colección. Foto: Prensa Concello de Verín

O ambicioso proxecto de dinamización cultural e turística, que procurará a financiación europea dos Fondos Next Generation, buscará tamén crear novos espazos e fondos culturais dentro do futuro museo dedicados á divulgación da riqueza patrimonial e medioambiental da comarca de Monterrei. 

Gaitas da colección. Foto: Prensa Concello de Verín
Gaitas da colección. Foto: Prensa Concello de Verín
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta