A orixe sísmica de Galicia: "emerxeu do mar hai 300 millóns de anos"

O nacemento xeográfico do país garda relación cos tremores de terra que aínda se deixan sentir de cando en vez e beleza das rías.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias segue adiante co seu Ciclo Aida Fernández Ríos, promovido xunto coa Deputación de Pontevedra. Nas xornadas desta semana, a institución tratará un tema que cada poucas semanas emerxe novamente á actualidade dos xornais do país: os tremores sísmicos.

Ría de Arousa.
Ría de Arousa. | Fonte: Turismo de Galicia

 

A primeira das conferencias terá lugar o xoves ás 19:00 e será emitida online na canle oficial da RAGC. Correrá ao cargo de Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático emérito da Área de Xeodinámica Externa da Universidade da Coruña, ademais de Académico Numerario da RAGC. O experto abordará así os movementos sísmicos en Galicia incidindo nas súas causas cal é o maior perigo que podemos agardar deles.

 

“A voadura nunha canteira, a caída dun obxecto de grandes dimensións, todo produce vibracións, ruídos, sismos que chegan a nós con claridade. Os que nos provocan unha maior inquedanza son os terremotos, xerados pola liberación da enerxía da Terra, que pon de manifesto a fraxilidade da vida”, indica o experto.

 

Acontece que os tremores sísmicos de Galicia teñen unha estreita relación coa orixe do país.  O catedrático lembra así que Galicia emerxeu do mar hai 300 millóns de anos, e que a súa costa se formou debido ás grandes fallas que romperon a cortiza terrestre, dándolle a súa forma actual. Desde aquela, as fallas non deixaron de moverse e do seu rozamento xorden os sismos. “Aínda que se forman a moitos kilómetros de profundidade, non os sentimos ata que a súa vibración chega á superficie da Terra, nun punto chamado epicentro” -explica-.

 

“En toda a contorna da costa galega producíronse epicentros e tamén no interior de Galicia, aínda que en menor cantidade. A diferenza é que dos epicentros no mar poden xurdir tsunamis, grandes ondas que invaden a costa penetrando nas rías ou estrelándose contra os cantís rochosos. Pero Galicia conta cun vixía excepcional, unha construción feita con grandes pedras, sen un gramo de cemento: os hórreos, testemuña de que en Galicia os sismos adoitan ser civilizados”, apunta con humor Juan Ramón Vidal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta