Pontevedra estuda abrir un servizo de barquiños teledirixidos no estanque das Palmeiras

Acaba de ser remodelado e tamén se colocarán nel unha ducia de ras de bronce.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 19/05/2022 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse este mércores ata o estanque do parque das Palmeiras, acompañado pola edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco. Alí supervisaron os resultados do proxecto de mellora paisaxística, limpeza e axardinamento levado a cabo neste emblemático espazo.

Iván Puentes e Yoya Blanco no estanque de Palmeiras, en Pontevedra
Iván Puentes e Yoya Blanco no estanque de Palmeiras, en Pontevedra | Fonte: remitido

Os traballos, completados cun orzamento duns 5.000 euros, incluíron a instalación dun novo sistema de rega e a subministración e plantación de especies vexetais axeitadas a zonas acuáticas.  “A intervención completouse cunha limpeza en profundidade para a que tivo que baleirarse a auga do estanque e terá continuidade con dúas accións que lle porán a guinda e nas que xa estamos a traballar", dixo.

A primeira será a reposición dunha ducia de ras de bronce que presidían a zona exterior do estanque e que os vándalos foron rompendo e roubando. E por outra banda, estamos a estudar un posible contrato administrativo para a explotación dun servizo de barquiños teledirixidos para goce de nenos e nenas coas súas familias. "O noso obxectivo é que este estanque recupere o seu esplendor e o lugar histórico que lle corresponde”, anunciou Iván Puentes.

Tal e como lembrou o concelleiro socialista, estes traballos veñen a rematar a segunda fase dun proxecto que permitiu poñer en valor e optimizar o sistema de deputación e esterilización do estanque do parque das Palmeiras e para o que xa se destinara unha achega económica de 12.500 euros. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta