Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2022 | Actualizada ás 16:00
Xa está en marca PonteSán, a Feira da Saúde e o Benestar de Pontevedra. A cita arrincou o pasado venres 20 de maio e seguirá funcionando até o vindeiro domingo cun gran foco temático vertebrando os múltiples espazos comprendidos: a saúde mental. Así o anunciaran xa dende a concellería de Deportes e Saúde semanas atrás a respecto dun proxecto desenvolto en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
O PonteSán deste 2022 supón xa a terceira edición dun encontro celebrado na praza de España e a avenida de Montero Ríos da cidade do Lérez. Como o centro temático deste ano pasa por loitar contra os efectos da pandemia sobre a saúde mental e o estado de ánimo, boa parte das máis de 40 entidades expositoras contan con proxectos orientados ao coidado desta dimensión do equilibrio emocional
Á presenza de charlas e coloquios sobre benestar mental únenselle outras actividades de ton máis próximo ao lecer como o campionato de petanca que terá lugar este sábado ás 17:00, o pasarrúas das 18:30 e distintas exhibicións deportivas entre as que se conta mesmo o tenis de mesa, tamén prevista para o presente sábado. O recinto foi vistado polo alcalde de Pontevedra e outros membros do goberno local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.