O alcalde de Ourense ofrécese a interpretar ao órgano a Marcha Nupcial nas vodas civís que oficie

Gonzalo Pérez Jácome tivo unha tenda de instrumentos e participou como músico en misas e eventos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 24/05/2022 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, interpretará a Marcha Nupcial de Mendelssohn nas vodas que oficie no concello, se así o quere a parella que case, "en aras de revestir unha maior solemnidade" nestas celebracións.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante un pleno no Concello de Ourense, a 6 de maio de 2022
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante un pleno no Concello de Ourense, a 6 de maio de 2022 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Desta forma, ofrecerase aos cónxuxes a posibilidade de que o primeiro edil ourensán interprete esta peza musical ao órgano á súa entrada ao Salón de Plenos, lugar habitual de celebración das unións matrimoniais civís en Ourense, tal e como informou o Consistorio.

O rexedor da cidade é a autoridade que preside as unións matrimoniais do Concello, aínda que delega esta función en caso expreso de que os noivos soliciten ser unidos por outra persoa da corporación municipal. Jácome manifestou que esta decisión xorde "para contribuír emotivamente nun dos momentos máis importantes e máxicos que existen na vida das persoas".

O Consistorio ourensán lembra que Jácome non é alleo ao mundo musical. Na súa anterior etapa profesional, o alcalde de Ourense rexía unha tenda de instrumentos e ademais conta con experiencia na interpretación, participando en diversas misas e eventos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta