Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 13:17
A presidenta da Deputación Pontevedra, Carmela Silva, informou que este venres en Xunta de Goberno foron aprobados 5,2 millóns de euros en recursos para os concellos "que van permitir seguir transformando a provincia". Concretamente, 2,1 millóns de euros corresponden ao Plan Concellos e que teñen como destinatarios cinco municipios: Sanxenxo, A Estrada, Nigrán, A Cañiza e Forcarei "para financiar importantes actuacións de humanización ou de mellora viaria".
No caso de Sanxenxo a achega é de case un millón de euros para custear a humanización da praza pública de Vilalonga suprimindo o tráfico interior, ampliando a zona infantil e creando unha barreira cunha bancada perimetral entre o espazo público e a estrada autonómica PO-550. Carmela Silva expresou a súa satisfacción polo feito de que os concellos "están agora preparando proxectos que teñen que ver co noso modelo de mobilidade".
O goberno provincial tamén aprobou este venres a colaboración con 36 concellos de menos de 50.000 habitantes "todos os que solicitaron estes recursos" para o proxecto 'Primeira experiencia profesional'. Esta iniciativa ten un orzamento de 1,2 millóns de euros.
Este plan ten por obxecto facilitar que as persoas tituladas universitarias ou de ciclos superiores e medios de formación profesional poidan acceder, dentro da provincia, a unha primeira experiencia laboral, co fin de adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción laboral no mercado de traballo.
Esta experiencia laboral adquirirase mediante a formalización de contratos laborais en prácticas ou formativos. Para o seu desenvolvemento a Deputación contará coa colaboración dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra e tamén poderá contar coa colaboración de entidades privadas da provincia que, xunto coa Deputación no desenvolvemento do seu propio programa, son as que contratarán ás persoas tituladas que resulten seleccionadas.
A selección das entidades colaboradoras e a designación das titulacións dos postos de traballo, que estarán prioritariamente relacionados coa transición ecolóxica, a economía verde, a dixitalización de servizos e a cohesión social, e cos que se promoverá a capacitación e a inserción laboral de colectivos vulnerables e a reactivación de sectores estratéxicos en liña co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, efectuarase de acordo coas bases reguladoras aprobadas pola institución provincial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.