A responsable de Medicina Interna do Complexo Hospitalario de Ourense dimitiu pola situación "moi grave" do servizo

O persoal deste servizo vén esixindo desde hai tempo un plan "urxente".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 31/05/2022 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

A responsable de Medicina Interna do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), Amalia Cadavid, presentou a súa dimisión hai varias semanas. A vacante, segundo fontes sanitarias, fíxose efectiva este martes sen que aínda se cubrise o posto. En días pasados, os médicos deste servizo advertiron da situación "moi grave" e pediron un plan "urxente".

Edificio do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO)
Edificio do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO)

A situación no complexo hospitalario ourensán veuse complicando nos últimos meses coa falta de persoal, agravado pola covid. De feito, os médicos deste servizo subscribiron un comunicado conxunto en días pasados en referencia á situación que leva a ter que atender a preto do "200 por cen" máis de pacientes dos que ten capacidade o servizo.

Tamén os médicos internistas advirten da "carga moi mantida" no tempo, o cal se viu aumentado polo feito de que a piques de comezar xuño hai maior presión hospitalaria da habitual --por cadros respiratorios--. Así, o servizo está "en tensión".

O Colexio de Médicos de Ourense reclamou "un plan para resolver de forma urxente" a situación "moi grave" de sobrecarga asistencial no servizo de Medicina Interna, cuxos médicos asinaron un escrito no que advirten de que a prestación médica "non está garantida nesas condicións".

Tamén advertiu de que se tiveron que "cancelar con moita frecuencia citas en consultas externas co aumento da espera para os pacientes, moitos deles crónicos pluripatológicos e complexos".

CRÍTICAS PSOE

Ante esta situación, o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, apuntou que a Consellería "está desbordada" e os profesionais "ao límite".

"Tras anos de recortes e precarización por parte da Xunta en materia sanitaria, o Sergas atópase cun problema sen saída do que é directamente culpable pola súa mala planificación e deixamento que levamos anos denunciando", apuntou.

Torrado lembra que Medicina Interna é "un alicerce integrador de todo o sistema hospitalario" e, de feito, "enténdese como a Atención Primaria dos hospitais, porque todo paciente, nalgún momento do proceso hospitalario, ten contacto co servizo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta