Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 18:30
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes as resolucións da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional (FP) polas que se ditan as instrucións para o próximo curso 2022/2023 tanto para as escolas de idiomas como da FP de grao básico, e que xa se fixeron públicas a semana pasada no Portal Educativo.
No caso dos Ensinos de Réxime Especial, derivado da eliminación das probas de setembro na nova lei educativa, adiántase aos meses de xuño e xullo o proceso de matrícula que ata agora se desenvolvía en setembro. Así, os alumnos que desexen entrar por primeira vez nunha Escola Oficial de Idiomas o próximo curso 2022-23 deberán realizar unha preinscrición entre o 27 de xuño a 10 de xullo .
No que respecta ao período de matrícula, o alumnado que aprobe na convocatoria común deberá formalizala entre o 20 e o 30 de xuño; para o alumnado que aprobe no período extraordinario será do 1 a 7 de xullo ; e para o resto do alumnado (incluído o que entra por primeira vez tras realizar a preinscrición) será do 1 a 20 de xullo. Ademais, as probas extraordinarias de setembro pasan a xuño e, neste curso, celebraranse a partir de 20 de xuño .
SISTEMA CENTRALIZADO DE MATRÍCULA PARA FP DE GRAO BÁSICO
No que respecta á Formación Profesional de grao básico, a partir de agora ponse en marcha un sistema centralizado de matrícula que favorece ás familias e ao alumnado que opta por esta modalidade.
No caso dos estudantes que decidan optar pola FP de grao básico, serán os propios centros de orixe (onde cursan Secundaria) os encargados de --a través dunha aplicación informática creada para tal efecto-- realizar a tramitación da documentación e as solicitudes de praza no ciclo formativo que lles interese.
Este novo procedemento, defendeu a Xunta, simplifica os trámites por parte á vez que axiliza tamén os pasos a seguir por parte da administración educativa, xa que, ata agora, eran as familias as que debían acudir ao centro para recoller a documentación e levala presencialmente ao centro no que desexaban cursar o ciclo de grao básico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.