Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2022 | Actualizada ás 19:00
Medio cento de veciñanza dos concellos ourensás de Padrenda e Pontedeva veñen de concentrarse na mañá deste venres para protestar contra o trazado da Liña de Alta Tensión que Greenalia proxecta entre o suroeste de Ourense e a subestación da Frieira xunto ao Miño.
A veciñanza respondeu así á convocatoria da Comunidade de Montes de Desteriz e da Asociación de Veciños de Desteriz. Veciñanza e comuneiros rexeitan un trazado que discorre a menos de 200 metros dos núcleos de Lordelo, A Agra e Ameán, e a menos dun quilómetro de Pozabella, Grixó, As Lamas e Morgade, todos eles en Padrenda. No Concello de Pontedeva, as localidades máis afectadas son Deva e A Trigueira.
O alcalde, Manuel Pérez (PP), e outros membros da corporación, recibiron máis tarde á veciñanza na Casa do Concello, e mostraron, segundo explican as asociacións, o seu apoio ás demandas. Desta maneira, o goberno local de Padrenda é o segundo, xunto co de Porqueira, que se opón ao trazado. Este último vén de anunciar, ademais, que presentará alegacións e reunirá a veciñanza en asembleas parroquiais para explicar os riscos que presenta o proxecto.
A Liña de Alta Tensión que proxecta Greenalia pretende dar servizo a varios polígonos eólicos xa en tramitación entre o Larouco (A Limia) e o Laboreiro (Terra de Celanova), onde se prevén "chantar máis de 240 torres de alta tensión nun percorrido de 42 quilómetros", explica a veciñanza.
A Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños de Desteriz puxéronse en contacto coa plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA para obter información da loita que se está a desenvolver nos oito concellos afectados polo plan de Greenalia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.