Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 22:39
Buscar piso, nun contexto inflacionista, vólvese misión case imposible para moitas persoas que ven como os alugueiros ou hipotecas comen boa parte do seu soldo. De feito, segundo o último informe do Banco de España, o 48,7% da cidadanía que vivía en aluguer no 2020 atopábase en risco de pobreza ou exclusión social. E ademais, un 35,9% das persoas dedicaban máis do 40% da súa renda á vivenda, cifras que posiblemente empeoraron cos dous últimos anos de pandemia.
Contrato indefinido, últimas nóminas, declaración da renda, varios meses de fianza... Cada vez son máis os documentos que unha persoa ten que presentar ante a inmobiliaria ou o caseiro para ser aceptada como inquilina dun piso. O acceso á vivenda convértese, logo, nunha especie de 'cásting' no que, moitas veces, se agudizan os nesgos ideolóxicos.
Así, á problemática do encarecemento dos prezos da vivenda, súmanse outros factores discriminatorios que dificultan aínda máis o acceso a ela: o clasismo, o racismo e mesmo a LGBTfobia poden entrar en xogo e favorecer a exclusión social de moitos colectivos de persoas. Tamén as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida atopan maiores dificultades á hora de atopar vivenda, e é que aínda hoxe o 40% das edificacións precisan melloras de accesibilidade.
'NON QUEREMOS PERSOAS ESTRANXEIRAS'
No último informe sobre racismo e xenofobia realizado por SOS Racismo Galicia, as vulneracións en materia de vivenda, xunto con emprego, son a orixe de boa parte das denuncias que chegan ás súas Oficinas de Información e Denuncia (OID). "O acceso a vivenda digna queda en papel mollado un ano máis. O requirimento de antigüidade laboral, ingresos fixos, avais bancarios, seguros de inquilinas... fan que as máis desfavorecidas teñan que optar (no mellor dos casos) por infravivendas ou inmobles compartidos", explica SOS Racismo no informe, que pon o foco nas "enormes dificultades" que enfrontan, sobre todo, aquelas persoas en situación irregular.
A SOS Racismo seguen chegando persoas estranxeiras que baten "coa negativa de entrada a un piso polos seus trazos fenotípicos, a súa cor de pel ou incluso o seu acento". "A frase 'non alugo persoas estranxeiras' ou 'non queremos persoas estranxeiras' está á orde do día" en Galicia, sentenza SOS Racismo, que denuncia os "prexuízos raciais" de moitos propietarios de vivendas.
"SE TE APELIDAS MONTOYA, VALO TER MOI DIFÍCIL"
"Nove de cada dez xitanas vivimos situacións discriminatorias cando queremos acceder a un alugueiro. Se te apelidas Montoya, valo ter moi difícil". Ruth León, activista e presidenta da asociación de mulleres xitanas Phenjalipen, sabe ben o que é citarse cunha persoa para ver un piso e que lle neguen a posibilidade de firmar contrato por ser xitana. "A min tenme pasado ata tres veces", relata. "Cando falas con eles por teléfono aténdente de xeito cordial, pero cando concertas unha visita e te ven en persoa, cambia todo. Mírante con desconfianza ou comezan a poñerche excusas: 'hai outra persoa moi interesada', 'teño que consultar con familiares...'", relata.
En ocasións, a persoa que aluga denega directamente a entrada ao piso para velo. "Non, xa está alquilado" é unha frase coa que León adoita bater. "Unha vez, un caseiro pasoulle fotos ao meu irmán por Whats App e en canto lle viu a foto, contestou que non llo alquilaba porque era xitano". Ante este tipo de discriminacións, a posibilidade de interpoñer unha denuncia é difícil. "Neste caso, ao pouco tempo borrou a mensaxe, polo que non puidemos facer nada. Noutras ocasións tamén é complexo demostrar que unha persoa non che alquila o piso porque es xitano. Dicho a ti, á casa, pero non o van recoñecer ante as autoridades".
Trátase dun antixitanismo moi interiorizado e mesmo institucionalizado. "A xustiza é moi lenta e non ten formación para atender estes casos. Cando vivimos unha discriminación, partimos dunha situación de vulnerabilidade, e por riba, dinnos que as denuncias nunca van chegar a ningún sitio", denuncia León. Este nesgo racista impide a moitas persoas da comunidade xitana independizarse: "Vense obrigadas a seguir vivindo cos seus pais ou a coller pisos que non ofrecen as condicións de habitabilidade necesarias", explica Ruth, que se recoñece "cansa" de ter que "pedir oportunidades" e ter que traballalas o dobre.
"Temos dificultades para conseguir alugueres, para atopar traballo... Coma se non foramos empregables". Mais a loita continúa, di, para que "pese a valía e non a pertenza dunha persoa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.