Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2022 | Actualizada ás 13:36
O alto prezo do gasóleo está a obrigar a moitas embarcacións a non saír faenar e que permanezan amarradas a porto, segundo alertou o presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero.
O patrón maior de Burela explicou que o incremento do prezo xa supera os 20 céntimos da axuda habilitada polo Executivo estatal. "Non é que practicamente se comesen os 20 céntimos que temos de rebaixa senón que xa o superamos porque o litro rolda o euro", sostivo. Ante iso, cualificou de "insustentable" a situación e asegurou que "hai embarcacións nalgunhas partes de España que pararon porque é inviable traballar así".
Ante iso, explica que a federación solicita os datos de consumo das confrarías para "tentar facer unha compra conxunta de gasóleo". "Falamos con Repsol, reunímonos con eles hai tres semanas e viron con bos ollos esta proposta. Temos que saber cantos litros imos consumir ao mes e sentarnos con Repsol e Campsa e ir ao mellor ofertante", sinala.
Neste sentido, puntualizou que "por desgraza non son moitas as confrarías que dan eses datos, sei que veñen goteando aos poucos". Do consumo, Otero constatou que hai "moita variabilidade. Así, unha embarcación de artes menores pode consumir máis de 500 litros, mentres que un arrastreiro ou un barco que vaia ao bonito con cebo vivo pode superar os 1.000. "O barco máis grande de España, que é galego, pode consumir da orde de dez mil litros ao día", sinalou.
Otero lembrou que coa outra gran crise do 2008 o barril do petróleo estaba máis caro pero sen que o gasóleo chegase a pasar de "70 céntimos". "Non sabería dicir quen se está aproveitando desta conxuntura", concluía o presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.