Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 18:48
Dous incendios forestais permanecen activos no municipio ourensán de Larouco, nas parroquias de Seadur e Freixido. O primeiro deles afecta a unhas 100 hectáreas e, o segundo, a unhas 20 hectáreas.
Segundo informou a Consellería de Medio Rural, o lume rexistrado en Seadur, que segundo os primeiros indicios puido ser ocasionado por un raio, iniciouse o mércores ás 20,59 horas. Debido ao vento na zona reactivouse e permanece activo a esta hora.
Conforme ás últimas estimacións, afecta a unha superficie dunhas 100 hectáreas e no seu control participan un técnico, nove axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, unha pa, unha unidade técnica de apoio, catro helicópteros e dous avións.
Pola súa banda, o incendio rexistrado na parroquia de Freixido empezou ás 7,26 horas deste xoves e as últimas estimacións cifran a superficie afectada en máis de 20 hectáreas.
No seu control traballan tres axentes, seis brigadas, dúas motobombas, catro helicópteros e dous avións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.