Roubar cancelas, botarse a rolos sobre o resío e outro feixe de ritos propios do San Xoán

Esta é unha das festividades máis populares de Galicia e con maior carga ritual do calendario tradicional.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Pasade os lumes de San Xoán

Resío sobre a herba
Resío sobre a herba | Fonte: arquivo

nin cantos males han

A noite de San Xoán xa está aquí, e con ela, un feixe de ritos que fan desta unha das celebracións máis máxicas e simbólicas de Galicia. Tan antigos coma a humanidade mesma, moitos destes costumes fóronse perdendo polo camiño debido ás mudanzas sociais, pero outros moitos chegan ata os nosos días e perduran vivos na práctica desta festividade, que como tradición pagá celebra o solsticio de verán e, logo, como tradición cristiá festexa o nacemento de San Xoán Bautista.

Nas sociedades antergas, todos estes ritos, que tiñan por obxectivo esconxurar o mal e purificarse, constituían a filosofía de vida da xente, explicaban e daban significado ao seu día a día, e tecían no conxunto toda unha visión do mundo. Os elementos sobre os que xiran  estas tradicións relacionadas coa celebración do solsticio de verán son tres: o lume, a auga e o mundo vexetal. 

RITOS VINCULADOS AO LUME

O lume, protagonista da noite de San Xoán, representa o sol e ten un carácter fondamente purificador e protector. Por iso, unha das tradicións máis vivas desta celebración é a de saltar a fogueira de San Xoán para afastar os malos espíritos. Hai quen fala de pasar por riba dela sete veces, nove, ou ata trece, pero o que si parece estar claro é que debe facerse un número impar de veces. Botar no lume os apuntamentos ou os diarios onde se escriben os malos recordos é outro dos costumes, aínda vivo, que apunta o antropólogo Manuel Mandianes.

E é que, segundo explica, "cando acendes o facharelo proxectas nel aquilo que odias ou que te fai sentir mal, para logo, cando vai medio apagado, brincar por riba e pedirlle todo o bo que querías". Vinculado ao lume, o tamén antropólogo Rafael Quintía lembra que antigamente as familias facían pasar o gando por riba das cinsas, que se esparexían logo polos campos para asegurar unhas boas colleitas. 

RITOS VINCULADOS Á AUGA

A auga é o segundo dos elementos importantes desta noite, moi vinculado aos poderes da natureza. Está presente no cacho de San Xoán, outra das tradicións máis populares da festividade. Nesta palangada con auga e flores dicíase que as mozas podían ver reflectido á mañá seguinte o home co que habían casar, explica Mandianes. Máis alá, a auga tamén é protagonista de determinados ritos como o de recoller a capa superficial de sete fontes ou de determinados mananciais antes de que o sol esperte na mañá do día de San Xoán, posto que se consideraba que estaba cargada de virtudes.

O baño das nove ondas na praia da Lanzada á procura do embarazo, ou o poder curativo da saraiba ou o resío da mañá reafirmaban as capacidades extraordinarias da auga durante esta noite solsticial. "Era habitual tirarse a rolos polos prados mollados para curar doenzas na pel como a sarna, ou correr espido polos campos para impregnarse desa auga matinal de San Xoán que se considera curativa e benéfica", sinala Quintía. Ademais das persoas, engade Mandianes, tamén "burros, ovellas e vacas saían pola mañanciña cedo para recoller ese orballo máxico e protexerse de calquera peste que puidese entrar nas cortes". 

RITOS VINCULADOS ÁS PLANTAS

As plantas, pola súa banda, son o segundo dos elementos principais do cacho de San Xoán, cuxas herbas logo adoitaban gardarse como amuleto, dado que se consideraba que tiñan virtudes para o tratamento das doenzas capilares. Ademais, as plantas, medicinais, aromáticas e protectoras, adoitaban colocarse nas portas e ventás das casas e das cortes contra as enerxías maléficas que puidesen facer presenza nesta noite.

Os estalotes, o fento, o fiuncho, a espadana... Son plantas que, segundo a tradición popular, nos coidan dos maleficios de demos e bruxas, das que se dicía que na noite de San Xoán "repartían as moscas á xente á que non querían ben", explica Mandianes. O antropólogo tamén lembra que cando el era cativo as mozas se encargaban pola mañá cedo de plantar unhas pólas de sabugueiro nas esquinas das leiras de liño, para defender a colleita contra toda peste, tormenta ou persoas que puideran botarlle o mal de ollo. 

RITOS DE MAXIA E DE CAOS

Outros ritos propios do San Xoán están relacionados coa maxia propiciatoria e a adiviñación do futuro, sinala Quintía. "É a mañá na que aparecen as mouras peiteando os seus cabelos, onde o sol danza no ceo e a lúa danza ao redor do sol. É unha data de prodixios, onde acontecen cousas extraordinarias", explica. Por iso, entre outras moitas tradicións, era habitual darlle unha malleira ao limoeiro ou á laranxeira que non daba froito para reactivalo, ou tamén ás redes de pesca para coller logo mellor produto. 

Aos ritos de curación, fertilidade, purificación e oraculares súmase outro feixe deles que levan por nome ritos de caos. Trátase, di Quintía, dunha teatralización do caos previo á nova orde, a través do roubo das cancelas, de mover os carros de sitio ou doutro tipo de brincadeiras similares. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta