Alumnado de Xornalismo crea unha guía para "mellorar o tratamento" da saúde mental nos medios

O 'Proxecto Ikigai' desenvólvese en colaboración co Colexio de Xornalistas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Proxecto Ikigai. Xornalismo colaborativo e transmediático pola saúde mental é unha guía multiplataforma para mellorar a información sobre a saúde mental, realizada polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de José Casás, Xosé López e Ana Isabel Rodríguez Vázquez e coa colaboración do Colexio de Xornalistas e o Grupo de Investigación ESCULCA.

O teletraballo provoca estados de tensión e afecta á saúde mental
O teletraballo provoca estados de tensión e afecta á saúde mental | Fonte: KENJO

Así, o Proxecto Ikigai continúa o labor iniciado coa Guía de linguaxe inclusiva, a guía do Proxecto Xermolo e a guía do Proxecto Decode, redactadas polos alumnados de anos anteriores. Nesta ocasión a guía pon o foco na saúde mental, de especial relevancia na actualidade, co obxectivo de "mellorar a información" sobre esta cuestión. 

O documento consta de seis apartados diferenciados. Comeza por un panorama da actual situación na sociedade respecto da saúde mental e o concepto xaponés Ikigai, que se refire ao benestar ligado a un propósito vital. No segundo dos epígrafes, "Xornalismo e saúde mental", analízanse a responsabilidade que ten a profesión no tratamento de informacións relativas á saúde mental.

En "Referencias e entidades ás que recorrer" ofrécese unha listaxe de fontes expertas, entidades e organismos institucionais aos que acudir á hora de facer coberturas sobre cuestións de saúde mental. A continuación, "Lexislación sobre saúde mental" fai un repaso de toda a lexislación existente na actualidade (a nivel local, autonómico, estatal, europeo e internacional).

“Guía de boas prácticas” é o apartado máis extenso. Nel pódese atopar un decálogo con recomendacións para abordar o tratamento de informacións sobre saúde mental e unha aproximación á cuestión do suicidio, tema de especial preocupación nos medios de comunicación.  O epígrafe conclúe cunha análise dos principais problemas de saúde mental na propia profesión xornalística e cun glosario con terminoloxía habitual.

Tanto o Proxecto Ikigai como os seus predecesores toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación prematuramente falecido. Estas iniciativas forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.

O Proxecto Ikigai é unha iniciativa multiplataforma que se pode consultar en diversos formatos. Os contidos da guía poden consultarse neste PDF ou nesta web, así como na conta de Instagram.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta