Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 14:50
A formación en artes, humanidades e linguas é a que ten unha maior taxa de paro en Galicia, cun 14,8%, por encima da formación básica (14,5%), segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) este xoves.
Dentro da formación en artes, esa taxa de paro entre mulleres elévase ata o 16,8% (en homes é do 12,9%). No outro extremo, o desemprego máis baixo compútase entre a poboación especializada en sector da mecánica, electrónica, industria e construción (un 6,8%).
No tocante ás taxas de ocupación, as máis elevadas no sexo masculino atópanse no sector saúde e servizos sociais (79,1%), mentres que para as mulleres son as tecnoloxías de información e comunicacións (78,1%). O grupo de poboación sen especialidade académica ten unha taxa de ocupación do 31,7%.
Nestes datos do IGE correspondentes a 2021 recóllese que o 59,6% dos galegos contaban cun nivel de formación xeral, básica e de habilidades persoais. Nesta categoría inclúen os que alcanzaron, como máximo, o ensino obrigatorio ou bacharelato.
MÁIS DATOS DO MERCADO LABORAL
O 65,9% dos ocupados de Galicia contan con xefes, pero non teñen ningún subordinado. O dato é maior entre mulleres (71,2%) que entre homes (61,1%). A seguinte categoría é a de ocupado independente --sen xefes nin subordinados--, cun 12,8%.
Pola súa banda, o 61,9% das persoas ocupadas non traballou ningún sábado en 2021. O 30,7% traballou polo menos dous sábados ao mes, mentres que o 5,9% só o fixo un sábado ao mes. O 78,7% non tivo xornada laboral ningún domingo.
Dos 867.400 asalariados residentes en Galicia en 2021, 37.500 persoas foron contratados a través dunha empresa de traballo temporal e 17.800 obtiveron o seu emprego actual con mediación dunha oficina de emprego pública.
O motivo principal polo que a poboación galega deixou o seu emprego foi por finalizar contrato (55,1%). O 18,5% dos parados tivo o seu último emprego hai tres ou máis anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.