Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2022 | Actualizada ás 11:31
Unha familia galega logrou que a Consellería de Educación considere a condición de numerosa no pago das taxas do comedor escolar dun centro público sen que naza o terceiro fillo. Desta forma conseguiu que no criterio de renda que se usa para definir a taxa a pagar, se teña en conta aos membros da unidade familiar, incluído o bebé que, no momento de facer uso do comedor xa nacera (pero non ao peche do exercicio fiscal que se valoraba).
En síntese, para a solicitude do comedor escolar, o requisito económico que se tiña en conta nesta familia cando ocorreron os feitos era a declaración da renda de 2019, dividida nese caso por catro integrantes. O bebé que confirmou a familia numerosa (tres fillos, nai e pai) naceu o 23 de marzo de 2020.
Desta maneira, a familia elevou unha queixa ante a institución do Valedor do Pobo, no que apuntaba que a Consellería de Educación consideraba que eran catro membros para o pago do comedor do curso escolar que se iniciaba en 2020, posto que a 31 de decembro o bebé non nacera. Esta situación, sinalaban, "prexudicaba" economicamente á familia, xa que debía abonar 4,5 euros en lugar de só un euro "de aplicarse correctamente a lei".
Así, segundo recolle o informe da defensoría galega, consultado por Europa Press, o feito de que o decreto de comedores (132/2013) non contemple bonificacións para as familias de especial consideración, senón que calculen os prezos en función da normativa o IRPF, "supón deixar sen efectividade a especial consideración destas familias e o trato preferente" que a lei establece na normativa.
Deste xeito, conclúe que a Consellería de Educación "non valoraba o feito de que unha lei galega de apoio á familia, que se define como transversal, asimile ao descendente concibido", a condición de que se obteña maior beneficio, mentres que o decreto que regula os comedores ten en conta o número de membros da unidade familiar a 31 de decembro do exercicio anterior.
Neste sentido, apunta que aplicar o concepto de unidade familiar da normativa do imposto, "claramente restritiva e referenciada a outra anualidade", pode supoñer unha "desprotección efectiva" das familias que poden aumentar o seu número de membros no tempo transcorrido entre a declaración da renda e o curso escolar que se trata.
Así, sostén que "parece responder mellor ao principio de equidade" que o cálculo da renda anual per cápita das familias, para os efectos dos "prezos públicos e bonificacións do comedor escolar, teña en conta o número de membros real que ten esa unidade familiar".
RECOMENDACIÓN Á CONSELLERÍA
Neste escenario, a institución comisionada recomendou á Consellería de Educación que adoptase as medidas "precisas" para "asegurar" a efectividade do artigo 18 da lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia na educación non universitaria sostida con fondos públicos, en particular, "asegurando o trato preferente dos membros de familias de especial consideración na concesión de bolsas, axudas ou bonificacións para libros, material escolar, comedores e transporte en todas as etapas da educación non universitaria".
Sobre o cálculo de prezos públicos e bonificacións de comedor escolar, a defensoría galega sinala que "debería terse en conta o número real de membros que ten esa unidade familiar no momento de solicitar as axudas ou bonificacións, asimilando como descendente aos fillos concibidos, a condición de que sexa máis beneficioso.
Na súa resposta ao Valedor do Pobo, o departamento autonómico entende que se pode facer unha lectura conxunta do decreto de comedores e da lei de apoio á familia. Ademais, apunta que é posible a "inclusión dunha aclaración neste sentido" na instrución sobre o funcionamento de comedores escolares para incluír estas circunstancias nos sucesivos cursos escolares. A Valedora do Pobo dá por aceptada a recomendación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.