Hiperconectados, cando a nosa saúde e o noso traballo dependen dos algoritmos

O ISSGA lanzaba esta semana a advertencia de incluír sistemas móbiles de traballo dentro das medidas de prevención contra riscos laborais. A “hiperconectividade” está creando riscos psicosociais e de saúde laboral, sobre todo cando non se pode desconectar durante horas dos sistemas electrónicos como ferramenta.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), sinala que a “hiperconectividade” aos sistemas electrónicos de traballo pode producir danos físicos e psicolóxicos no individuo. O stress, a ansiedade, a presión por acabar rápido ou a realizada polos xefes para producir máis, poden derivar en graves problemas de saúde e mesmo a morte “non traumática”, como as ocasionadas por infartos ou derrames cerebrais. Todo isto é moi novo e aínda se están dando os primeiros pasos de cara a unha política de riscos laborais capaz de recoller fenómenos ligados ao emprego e as novas tecnoloxías.

O teletraballo provoca estados de tensión e afecta á saúde mental
O teletraballo provoca estados de tensión e afecta á saúde mental | Fonte: KENJO

RISCOS 24/7

Traballar todo o día durante toda unha semana sen desconectar do traballo é un risco para a saúde. Outro é consultar documentos en pantallas moi pequenas e mesmo pode haber accidentes en caso de atendermos chamadas, mirar whatsapps, etc., mentres camiñamos pola rúa. “Un principio básico da lei sobre o teletraballo é o dereito á desconexión dentro dun horario pactado entre as partes” sinala Fernando Sabio da CIG. “O máis complexo é o mundo dos autónomos e falsos autónomos, pois da conectividade depende o seu traballo e ter clientes”. No último caso, as presións dos xefes poden alongar os períodos laborais en exceso.

Estamos diante dun campo novidoso que implica un cambio de paradigma no traballo e ademais, tamén depende como se aplique a tecnoloxía” apunta Armando Iglesias de CCOO. “Ben é certo que a tecnoloxía pode reducir o esforzo físico, mais pode chegar a extremos como a discriminación mediante o algoritmo por parte dos xefes”. Neste caso, os traballadores de empresas dedicadas ao transporte urbano, “riders”,  poden despedir a unha persoa se os clientes dan información negativa sobre eles.

“É necesaria unha lexislación punitiva para garantir a desconexión dixital entre persoas e traballo” destaca Jose Luís Fernández Celis da UGT. “Debemos negociar novos puntos para que isto non pase e ademais, termos en conta que o smartphone leva canda si un risco laboral importante”. Celis apunta datos sobre baixas por stress debido ao uso moi elevado dos dispositivos móbiles e de pantallas. 

AFECTACIÓN

A dificultade de desconexión implica unha serie de transtornos psicosociais que tensionan ao persoal traballador até o punto de implicar doenzas e baixas laborais. “No caso por exemplo, dos autónomos e falsos autónomos falamos dunha conexión moi longa para atender as demandas” di Fernando Sabio. “Falamos de presión para producir máis e a consecuencia é unha baixada na produción”. A isto súmaselle que existe a concepción de que “o traballo conectado apenas implica riscos cando isto non é certo”.

“Os datos do propio ISSGA recollen en 2021 48 accidentes laborais con resultado de morte, 25 desas mortes foron  por causas non traumáticas influídas por stress, presión ou horarios excesivos” di Armando Iglesias quen aposta por desglosar estes accidentes non traumáticos para o seu estudo e posterior aplicación de medidas preventivas. Outras medidas necesarias serían as de control dos algoritmos pois “non hai control sobre as plataformas laborais que impidan discriminar” uns traballadores doutros. “A disposición de 24 horas é unha carga tanto mental como física que non se remunera” e nalgúns casos non estar dispoñible pode levar ao despido.

“Tamén temos a monitorización dos traballadores e o incremento de xornadas laborais mediante uso de algoritmos” di Fernández Celis. “España é un dos estados de Europa onde máis se usa software con incidencia directa na saúde do traballador”. Non obstante, Fernández Celis lembra que nun marco de crise como o actual “ponse por diante outros intereses antes que o da saúde laboral, é por iso que debemos chegar a PEMES e outros sectores” onde as novas tecnoloxías non permitan a desconexión dixital.

A chegada de novos aparellos electrónicos ao lugar de traballo ten a súa parte positiva e tamén a súa parte negativa. A última incide de tal maneira que poden darse casos de desenlace fatal por causas como presión laboral ou stress que rematan, ás veces, en doenzas cardiovasculares. Unha nova maneira de traballar pide, segundo os sindicatos, unha nova lexislación máis actual e máis contundente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta