A Xunta, disposta a crear un Perte cultural propio para Galicia "se o Goberno central se nega"

Hai 19 proxectos propostos pola Xunta no ámbito da cultura para captar ata 400 millóns de euros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/07/2022 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

A Xunta está disposta a crear un plan para a recuperación da cultura "descentralizado" en Galicia "se o Goberno central se nega" a articular un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) co que canalizar fondos europeos cara a ese sector. Así o prometeu o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a modo de resposta aos grupos da oposición --BNG e PSdeG-- durante a súa comparecencia este martes na Comisión 4ª, de Educación e Cultura, do Parlamento galego.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Comisión 4ª. XUNTA
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na Comisión 4ª. XUNTA | Fonte: Europa Press

Lorenzo compareceu para detallar ante a Cámara o carácter estratéxico dos 19 proxectos propostos pola Xunta no ámbito da cultura para captar ata 400 millóns de euros no caso de que o Estado convoque o Perte.

O director xeral explicou que estas iniciativas parten dun proceso participativo no que se implicaron máis de 100 entidades que realizaron as súas achegas. "Nós fixemos os deberes dunha maneira moi clara e o sector da cultura, tamén", reivindicou.

Entre as iniciativas, están unha para difundir os procesos creativos dentro e fóra de Galicia, unha para a dixitalización do sector, outra para crear unha base de datos de todos os bens patrimoniais galegos e outra para potenciar a innovación dos museos galegos. Tamén se inclúe o proxecto 'Nós', que ten o obxectivo de garantir a presenza do galego en novas tecnoloxías como os asistentes de voz e nas redes sociais.

Neste contexto, o director xeral reiterou que, se o Estado "se nega" a crear ese Perte que reclama a Xunta e a abrir convocatorias para que as autonomías poidan participar na repartición dos fondos 'Next Generation', a Consellería de Cultura acollerá os proxectos propostos como "un mapa de capacidades e de necesidades" do sector.

Así, ante un eventual plan propio galego de recuperación, Lorenzo asegurou que se lle dedicarían tamén fondos "propios". "Os proxectos non van a quedar na estacada, en absoluto", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta