O alcalde de Ferrol pide un clúster da industria da Defensa e o Goberno central ve "lóxico" facelo en Galicia

Mato considera que esta iniciativa sintoniza co compromiso do Goberno do Estado coa OTAN.

Por E.P. | Ferrol | 05/07/2022 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, aproveitou a visita da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, para trasladarlle este martes a idea que xa expuxo na inauguración da aula Navantia-Siemens no Campus universitario: que a cidade albergue un clúster da industria da Defensa. Segundo o rexedor, a representante gobernamental mostrouse aberta a facelo en Galicia.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, coa secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, coa secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce | Fonte: Concello de Ferrol.

O rexedor ferrolán lembrou ao termo do encontro, no que tamén estivo presente a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que esta proposta xa lla transmitiu no seu momento ao expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como ao conselleiro de Economía, Francisco Conde.

A resposta de Valcarce, afirmou Mato, foi que "ten toda a lóxica facelo en Galicia" porque, engadiu, "a industria da Defensa inviste moi por enriba do resto das industrias en materia de I+D+i, porque é unha industria netamente exportadora e, sobre todo, porque ten moito arrastre sobre a pequena e mediana empresa que participa habitualmente nos programas de Defensa".

Nese sentido, o alcalde de Ferrol subliñou que en Galicia ao redor de 150 empresas traballan nestes programas, "e non só con Navantia, senón tamén con Urovesa, por exemplo".

Mato considera que esta iniciativa do clúster sintoniza co compromiso do Goberno do Estado coa OTAN de incrementar a un 2% o investimento en Defensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta