Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/07/2022 | Actualizada ás 17:29
Claudia Morán, Diego Giráldez e Francisco Castro son o tres finalistas do premio de xornalismo Fernández del Riego que desvelou este martes o xurado da décimo novena edición deste galardón que concede cada ano Afundación para impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación.
Segundo destacou Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e tamén máximo responsable do xurado, os artigos dos tres finalistas foron seleccionados de entre un total de 27 obras "de gran calidade".
Por unanimidade foron escollidos os artigos: "Coiden da Música", publicado en La Voz de Galicia por Francisco Castro; "A coreografía dos envoltorios", de Diego Giráldez en Praza Pública; e "Nunca Nais", publicado en Nós Diario por Claudia Morán.
Freixanes asegurou que "foi moi difícil escoller tres dos 27 que se presentaron, houbo que deixar fóra artigos de calidade". Segundo engadiu, cada edición mellora a riqueza das obras e "veñen mellor formadas na lingua e é unha proba de que o país avanza en calidade".
Dos 27 artigos presentados, once son obra de mulleres. "A paridade é un feito", puntualizou o presidente do xurado para matizar que noutros anos houbo máis mulleres que homes.
O xurado encargado de seleccionar as tres obras finalistas estivo composto por Victor Freixanes como presidente, Carlos Valle como secretario, e completárono Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Miriam Ferradáns, que debutaba este ano como membro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.