Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/08/2014 | Actualizada ás 10:00
Problemas de saúde e queixas dos empregados municipais están detrás da decisión do Concello de Santiago de realizar unha operación especial de rehabilitación no Pazo de Raxoi, a sede do Concello.
O seu obxectivo é reducir a concentración de radón, un gas radioactivo que emana de forma natural do subsolo de terreos graníticos, mediante "a incorporación de mecanismos que permitan de maneira automática o aumento da renovación de aire interior".
Segundo sinala o Concello nun comunicado, estas obras consistirán na renovación de carpintaría e de limpeza da fachada sur do edificio, situado na céntrica praza do Obradoiro. As obras comezarán este luns co obxectivo de "mellorar a eficiencia enerxética" e de "garantir o confort térmico nas estancias municipais".
A tendencia nos últimos anos a mellorar o illamento de portas e xanelas xerou nalgúns edificios un aumento da concentración en vivendas e oficinas de gas radón, cuxa inhalación está considerada como un factor causante do cancro de pulmón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.