Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/07/2022 | Actualizada ás 12:11
Ducias de activistas partiron esta mañá do porto de Esteiro rumbo á Illa da Creba para realizar “unha ocupación simbólica e pacífica desta illa, hoxe privatizada, e que debe ser devolta ao seu lexítimo propietario: o pobo galego” explicou Rodrigo Molinos “Bolato”, veciño de Esteiro e voceiro da actual Plataforma pola recuperación da Illa da Creba e do Comité en defensa da Illa da Creba.
Veciñanza de Esteiro, organizada na Plataforma pola recuperación da Illa da Creba, encabezou este acto reivindicativo. Así, despregaron unhas enormes letras nas que se pode ler “A Creba é do pobo”.
A Illa da Creba está na ría de Muros e Noia, a 200 metros de Punta Uhía, na parroquia de Esteiro, no Concello de Muros, e desde a Plataforma lembran que “a veciñanza de Esteiro era a propietaria dos terreos comunais da illa até que no ano 1922 se inscribise como ben privado no rexistro do Concello de Outes. A partir daquí todo son irregularidades e aberracións permitidas tanto polo goberno do Estado español como da Xunta de Galiza, como a construción dunha vivenda ilegal na illa no 1981 ou espigóns, rampa e recheos no ano 1989, ocupando 5.140 m2 de dominio público marítimo terrestre” explicou Bolato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.