Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 10:17
Un dos dous incendios que afectaba á parroquia de Quins, en Melón, quedou extinguido, mentres que o outro permanece activo. Tamén segue activo o de Ribadavia, segundo informou a Consellería de Medio Rural. A superficie provisional calcinada polo tres lumes mantense en 150 hectáreas.
No último parte de Medio Rural, trasládase que o primeiro lume resgistrado en Melón, na parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,30 horas do luns, quedou extinguido ás 12,18 horas deste xoves. Segundo as últimas medicións, a superficie afectada foi de 35 hectáreas, das que 17 foron arboredos e 18, monte raso. Na súa extinción participaron 6 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas e 1 helicóptero.
O segundo incendio rexistrado na mesma localización, que empezou ás 22,38 horas do martes, permanece activo e, segundo as estimacións provisionais, afecta unhas 50 hectáreas. No seu control participan 15 axentes, 21 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
RIBADAVIA
Tamén activo segue o incendio que empezou en Ribadavia, na parroquia homónima, o pasado luns ás 22,11 horas. Medio Rural mantén como superficie provisional afectada unhas 65 hectáreas. No control deste incendio traballaron 2 técnicos, 23 axentes, 51 brigadas, 37 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 5 avións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.