Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 20:00
Cinco entidades de conservación da natureza, entre as que está ADEGA, uníronse para poñer en marcha iniciativas transformadoras que impulsen a bioeconomía, entendida como unha oportunidade para amosar que a conservación dos recursos naturais pode ir da man de actividades que xeren desenvolvemento económico e social.
O proxecto "FLUVIATILIS: custodia para la resiliencia" ten como obxectivo principal a "conservación e rehabilitación de ecosistemas fluviais", para aumentar a súa resiliencia ao cambio climático e a provisión de servizos ecosistémicos mediante a custodia fluvial, unha importante ferramenta para a xestión integrada do territorio.
A través desta estratexia de xestión, as entidades que forman Fluviatilis promoverán a xestión compartida dos ecosistemas acuáticos continentais desde a sociedade civil; realizarán accións para a mellora da provisión de servizos ecosistémicos; adaptarán ríos e zonas húmidas ao cambio climático mediante a aplicación de Solucións Baseadas na Natureza (SBN) e o eco-deseño; ou fomentarán o desenvolvemento da economía circular e a bioeconomía da contorna local na que se actúe.
Fluviatilis, explica Adega nun comunicado, nace cunha visión conxunta, mais cada entidade coordinará as actuaciós no seu territorio. Do proxecto forman parte, ademais da galega, a Asociación de Naturalistas do Sureste (ANSE) na Rexión de Murcia, Grup de Natura Freixe (GNF) en Catalunya, Fundació LIMNE na Comunitat Valenciana e Red Cambera en Cantabria. O proxecto, que se desenvolverá ata finais de 2025, conta cun orzamento de 1.049.779,59 €.
SOLUCIÓNS BASEADAS NA NATUREZA
A conservación e mellora da biodiversidade perfílase como unha resposta a varios retos do desenvolvemento sostible. Desta forma, as chamadas Solucións Baseadas na Natureza preséntanse como un medio "máis rendible" que outras alternativas, xa que posibilitan a mitigación dos efectos derivados do cambio climático, o fomento da seguridade alimentaria e hídrica ou o impulso dunha economía máis sostible. En definitiva, "preséntanse como un instrumento clave para facer fronte á perda de biodiversidade", asegura ADEGA.
TRANSICIÓN ECOLÓXICA
Ademais, este proxecto beneficiase dunha convocatoria de axudas, impulsada pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), para grandes proxectos transformadores de índole científico-técnica enfocados á promoción da bioeconomía e a contribución á transición ecolóxica, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado cos fondos NextGenerationEU.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.