Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 14/07/2022 | Actualizada ás 19:07
O Concello da Coruña presentou a candidatura coa que loitará por ser unha das sedes do Mundial de Fútbol de 2030 no caso de que se celebre en España e Portugal. Así, os traballos preparatorios prevén ampliar o Estadio Abanca-Riazor para albergar ata 40.200 asistentes.
Despois de que o luns o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciase que a súa cidade está "na carreira" para ser sede --"con todo o respecto para A Coruña", engadiu--, este xoves foi o goberno de Inés Rey o que se comprometeu a levar a cabo unha reforma do estadio, que é de titularidade municipal, se a candidatura dos dous países ibéricos resulta elixida.
Ademais, proporase a reurbanización da contorna de Riazor e unha mellor integración co paseo marítimo. E é que, tal e como informa o Concello, o edificio "terá que adaptarse á normativa FIFA", o que supón tamén dotalo dunha maior accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, así como outras obras para que o recinto teña a cualificación de 4 estrelas.
O coordinador xeral da administración local, Gonzalo Castro, estivo este mércores nunha reunión de avaliación das posibles sedes convocada pola Real Federación Española de Fútbol. Neste encontro, destacou a "excelente" situación do complexo de Riazor para acoller os partidos do Mundial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.