Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 16:46
A Xunta de Galicia expresou este venres mediante un comunicado a súa "satisfacción" pola sentenza xudicial sobre o Pazo de Meirás, que impide aos Franco a retirada de determinados elementos, e chama a seguir a mesma estratexia co resto de bens patrimoniais da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán.
Publicada durante a mañá deste venres, a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña impide a retirada de determinadas pertenzas de Meirás reclamadas pola familia Franco, e conclúe que son bens inmobles que "deben permanecer nel".
"Témonos que felicitar por unha resolución que dá a razón á Xunta e ás administracións implicadas no proceso", destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mediante un comunicado. "Este é o camiño no que debemos perseverar co resto de bens vinculados a Emilia Pardo Bazán e á Xefatura do Estado" --durante a ditadura de Francisco Franco--, sinalou Rodríguez.
Así mesmo, o conselleiro de Cultura felicitou aos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural participantes na vista en calidade de peritos, que tamén foron eloxiados polo xuíz no seu auto pola súa "cualificación e preparación".
CONCELLO DE SADA
O Concello de Sada celebra o auto ditado este venres polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que impide a retirada do Pazo de Meirás de determinadas pertenzas reclamadas pola familia Franco porque son bens inmobles.
Neste contexto, a través dun comunicado, o goberno de Sada pide ao Goberno central que agora presente unha demanda posesoria e reivindicatoria sobre o resto de bens mobles, tanto os que pertencían á escritora Emilia Pardo Bazán como os colocados e instalados polo Estado entre 1938 e 1975.
"E esa demanda debe ser presentada canto antes polo Estado, solicitanda a medida cautelar que impida a súa retirada", engade o Concello, que tamén insiste en que o informe pericial elaborado polo historiador Manuel Pérez Lorenzo --cuxo testemuño foi proposto pola adminsitración local-- inclúe tanto os bens de Patrimonio Nacional como aqueles transmitidos en 1938 e incorporados a Meirás ata 1975.
O goberno local tamén pide á Xunta que inicie "de inmediato" o expediente para modificar o decreto que declara como ben de interese cultural (BIC) as Torres de Meirás co obxecto de "asegurar a integridade" do complexo, "de continente (inmoble) e contido (bens mobles)".
O Concello de Sada reivindica que xa fixo "todo o posible", tanto pola vía política como pola xudicial, para "impedir a retirada" destes obxectos, polo que considera que ambas as administracións deben "mover ficha canto antes".
GOBERNO CENTRAL
O Goberno celebrou este venres o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, feito público polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que recoñece que todos os elementos obxecto de controversia, tanto en exteriores como interiores, pertencen ao inmoble e, por tanto, non poden ser retirados pola familia do ditador Francisco Franco.
"Isto é unha nova vitoria democrática e unha satisfacción para todas aquelas persoas que cremos que a democracia plena conséguese recuperando a memoria histórica", valorou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
No auto, notificado este venres, o xuíz determina que os bens sobre os que existe discusión adquiriron a condición e natureza de inmobles "por incorporación, por destino ou por ambos", con excepción das alfombras do corredor porque "se colocaron cun fin puramente funcional", asegura o auto.
O xulgado dera a propiedade do inmoble ao Estado, aínda que a sentenza foi recorrida, e a familia Franco quixo retirar os bens contidos nel, o que deu lugar ao incidente de execución da sentenza resolto este venres. Deste xeito, o Goberno destaca que "se acolle parcialmente a cuestión incidental" exposta pola Administración Xeral do Estado, á que se adheriron a Xunta e os Concellos da Coruña e Sada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.