Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2022 | Actualizada ás 16:48
WOS Festival x SON Estrella Galicia posicionará de novo Santiago de Compostela e Galicia no universo da creación contemporánea e a música de vangarda. Entre o 8 e 11 de setembro, a cidade albergará propostas en torno ‘ao risco e a exploración’, co obxectivo de ofrecer unha alternativa cultural e artística na que descubrir e desfrutar de experiencias únicas no marco dun casco urbano e histórico declarado Patrimonio da Humanidade.
Coa música como motor principal, pero cunha "clara vocación multidisciplinar", o evento regresa nesta edición ao seu formato habitual tras ter realizado unha edición reducida o ano pasado. Así, ao longo das próximas semanas desvelarase o resto da programación de música, así como de programas de cinema, instalacións, obradoiros e pensamento e debate.
PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS
Nesta VI edición o festival presentará as estreas no Estado de concertos audiovisuais protagonizados por algúns dos artistas que actualmente están marcando o ritmo da música contemporánea actual. Por un lado, Caterina Barbieri, música, compositora e produtora italiana cuxa traxectoria a converteu nunha dos referentes do post-minimalismo actual, presentará en España o espectáculo audiovisual que acompaña o seu novo álbum, Spirit Exit
(light-years), xunto aos artistas visuais Marcel Weber (MFO) e Ruben Spini.
Por outro, o alquimista sonoro francés Aho Ssan e o artista multidisciplinar keniata KMRU, dous dos autores de varios dos álbums de electrónica máis importantes de 2020, únense agora para presentar Limen (Subtext), un espectáculo audiovisual intenso, potente e emocional cheo de dualidades.
Entre os concertos que poderán verse por primeira vez no Estado no marco desta edición, destacan o estadounidense Brian Leeds, máis coñecido como Huerco S., Blackhaine, coñecido internacionalmente non só pola súa música, senón tamén como coreógrafo das listening party dos dous últimos álbums de Kanye West; e o proxecto de hip hop experimental dos estadounidenses Poozy e False Prpht, Prison Religion.
O programa musical contará tamén coa presenza de grandes artistas dedicados á experimentación co son, os instrumentos e as emocións. Pan·American, a danesa Sofie Birch, o acorde onista polaco Zbigniew Chojnacki e a produtora e dj holandesa upsammy. Con ela estarán varios DJs, promotores e produtores galegos novos: Alicia Carrera e Yugen Kala.
Comeza así a conta atrás para a cita anual da produtora compostelá WORK ON SUNDAY, que se celebrará entre o xoves 8 e o domingo 11 de setembro e que conta co apoio estratéxico de SON Estrella Galicia como patrocinador principal, e co apoio institucional do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial de A Coruña, a Xunta de Galicia a través de
Xacobeo 21- 22 e AGADIC, e outras institucións e axentes culturais que operan na cidade.
As entradas para esta edición xa están á venda e poden adquirirse a través de wosfesival.es.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.