Un espectáculo de fogos "in crescendo" volverá ao ceo de Santiago na noite do 25 de xullo

Juan Manuel Humanes, responsable do espectáculo, avanza que terán un concepto "completamente diferente" ao ano pasado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2022 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

Uns 2.500 quilos de material pirotécnico serán lanzados ao ceo desde cinco puntos diferentes de Santiago de Compostela nos Fogos do Apóstolo de 2022, que este domingo a partir das 23,00 da noite darán o inicio oficial á xornada do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia.

O espectáculo parte dunha idea "completamente diferente ao ano pasado" e "in crescendo", "principalmente dinámico" e "constante e continuo", é dicir, sen interrupcións durante os 900 segundos que durará.

Así o definiu Juan Manuel Humanes, responsable de Pirotecnia Ricardo Caballer SA (Ricasa), empresa valenciana encargada dos fogos deste ano --xa o fixo en 10 ocasións anteriores--, nunha rolda de prensa ofrecida este venres desde o Pazo de Raxoi xunto co concelleiro de Festas da cidade, Gonzalo Muíños.

O lanzamento efectuarase de forma simultánea desde a Alameda, a Cidade da Cultura, o Parque Eugenio Granell, Fontiñas e As Cancelas. Xa desde o 2020, os fogos desprazáronse da Praza do Obradoiro --onde adoitaba haber un espectáculo de proxeccións sobre Raxoi ou a Catedral-- para levalo a varios puntos da cidade.

Desde entón, tal e como asegurou Humanes, este evento gañou en "espectacularidade", á parte de que, segundo o concelleiro de Festas, permite "cuatriplicar ou quintuplicar" os espectadores. E é que, mentres agora hai veciños que o poden gozar desde as súas xanelas, antes adoitábanse concentrar no Obradoiro e na Alameda.

O responsable de Ricasa agradeceu "a oportunidade" que supón traballar de novo na capital galega nuns fogos que supoñen "un reto en España", porque neste país están "moi limitados" os espectáculos "destas características, deste nivel e desta intensidade". "Ningún ten a singularidade deste", recoñeceu.

MEDIA TONELADA DE MATERIAL CADA PUNTO

Juan Manuel Humanes, aínda que non quixo desvelar os detalles da noite do domingo, si avanzou que os Fogos do Apóstolo 2022 estarán "sincronizados" nos cinco puntos de lanzamento, de modo que cada un, con 500 quilos de material pirotécnicos --2.500 en total-- e 2.000 unidades de disparo, terá "as mesmas fases, cores, impactos, efectos sonoros e efectos lumínicos".

O espectáculo durará 15 minutos ininterrompidos, "900 segundos", tal e como recalcou o empresario, e dividirase en 20 fases, cada unha de 40 segundos, fronte ás 17 do ano pasado. Así mesmo, a parte final será "moi, moi orixinal". En definitiva, os Fogos do Apóstolo supoñen un "reto" para Ricasa: "Non facemos en ningunha cidade de España cinco espectáculos sincronizados. Non os facemos destas dimensións, destas características e desta importancia. Sodes unha cidade que apostades pola pirotecnia".

MEDIDAS DE SEGURIDADE "IMPORTANTES"

En canto ao dispositivo de seguridade da noite do 24, tendo en conta tamén a vaga de incendios que sofre Galicia desde a semana pasada, o concelleiro de Festas e Seguridade Cidadá insistiu en que haberá medidas "importantes".

Así, Gonzalo Muíños lembrou que ao despregamento habitual da Policía Local sumaranse 44 efectivos que reforzarán as zonas de lanzamento da pirotecnia e a súa contorna. Ademais, cada lugar contará con reténs de bombeiros, con dous máis no Monte do Pedroso e no Gaiás, reforzados con servizos contra incendios da Xunta e Protección Civil.

FOGOS DE FIN DE FESTAS O 31

A maiores, o domingo 31 serán os fogos do fin das festas, dos que se ocupará a mesma empresa. Nesta ocasión, serán 1.500 quilos de material pirotécnico lanzados desde a Cidade da Cultura, unha localización única que, de feito, "permite utilizar elementos pirotécnicos que non permiten o resto" de puntos do domingo 24, destacou Humanes. O orzamento que este ano destina o Concello de Santiago aos fogos rolda os 219.000 euros, máis IVE.

Lumes do Apostol lanzados pola celebración do Día de Galicia a 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña (Galicia).. César Arxina - Europa Press
Lumes do Apostol lanzados pola celebración do Día de Galicia a 24 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña (Galicia).. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta