As vacinas contra a covid-19 reduciron nun 76 % o risco de ingreso en UCI en Galicia

As máis efectivas contra a infección e o ingreso en coidados intensivos son as de ARN mensaxeiro, Moderna e Pfizer, segundo datos dunha investigación realizada na Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/07/2022 | Actualizada ás 22:49

Comparte esta noticia

As vacinas contra a covid-19 funcionan, sobre todo, contra o desenvolvemento de cadros graves. Datos recollidos nun estudo realizado na Universidade de Santiago de Compostela (USC) mostran que a vacinación é efectiva fronte a infección pero, en maior medida, fronte ao ingreso en UCI, en comparación coa non inmunización.

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra o Covid-19, a 19 de novembro de 2021, en Pontevedra
Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra o Covid-19, a 19 de novembro de 2021, en Pontevedra | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

A 180 días de seguimento desde a vacinación, as estimacións da efectividade vacinal foron do 27 % fronte a infección e do 76 % fronte ao ingreso en unidades de coidados intensivos.

Os datos revelan que a pauta completa da vacinación resultou especialmente efectiva nos grupos de idade de 12 a 19 anos e nos de 70 anos e máis, fronte aos grupos non inmunizados. Estes grupos foron vacinados, principalmente, coas vacinas de Moderna e Pfizer.

Despois de seis meses, a efectividade media das vacinas contra a infección é do 27 % e do 76 % fronte ao ingreso en UCI

Ademais, a vacinación completa resultou efectiva en todos os grupos de idade fronte ao ingreso en UCI, en comparación coa non inmunización, sendo superior ao 70 % en todos os casos.

Persoal sanitario atende un paciente de covid-19 na UCI do hospital Povisa de Vigo
Persoal sanitario atende un paciente de covid-19 na UCI do hospital Povisa de Vigo | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Son resultados dun estudo de cohortes retrospectivo para avaliar a efectividade da vacinación fronte a infección e ingreso en UCI por covid-19 en Galicia, con datos do 27 de decembro de 2020 ao 27 de marzo de 2022. A investigación foi realizada por Carla Guerra Tort, baixo a dirección de Rosa María Crujeiras Casais (profesora titular da área de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela) e titorizada por María Isolina Santiago Pérez (técnica estatística da Dirección Xeral de Saúde Pública), no marco do Máster en Técnicas Estadísticas da universidade compostelán.

Na cohorte incluíronse todas as persoas a partir de 12 anos de idade vacinadas con polo menos unha dose en Galicia nese período, un total de 2.129.598 individuos, o 87 % da poboación a partir de 12 anos. Os menores de 12 anos excluíronse pola escaseza de información sobre a súa vacinación, xa que comezaron a recibir a primeira dose de forma masiva a finais de 2021.

Doutra banda, o deseño epidemiolóxico parte dunha cohorte de individuos que aínda non contraera a covid-19, polo que se descartaron para o estudo as persoas que, antes do inicio do estudo, tivesen polo menos un resultado positivo en covid-19. Excluíronse tamén todos os casos positivos de covid-19 acontecidos fóra de Galicia, identificados porque recibiron algunha dose da vacina en centros galegos, pero dos que non se dispuña de información sobre a data do seu positivo. Tamén se excluíron os usuarios de residencias de maiores e outras institucións por ser consideradas persoas de risco. E filtráronse os datos de vacinación para eliminar rexistros con datos incompletos e incoherencias na información sobre as doses administradas. Tamén se excluíron os individuos para os cales non se respectaron os tempos mínimos entre doses durante a primovacinación e aquelas persoas que recibiron a dose adicional por ser consideradas de risco, así como aquelas nas que non foi posible diferenciar se recibiron a dose adicional ou a dose de recordo.

A efectividade global fronte a ingreso en UCI é dun 82 % nun primeiro momento e ascende ata o 93 % no primeiro mes, o seu valor máximo

Na investigación definíronse catro grupos segundo o status de vacinación, considerando un período de indución de 14 días para todas as vacinas agás para Pfizer (sete días): non vacinados (persoas que non recibiron ningunha dose da vacina), vacinados cunha dose (persoas que recibiron unha única dose de Moderna, AstraZeneca ou Pfizer), primovacinados (persoas que recibiron unha dose de Janssen, ou unha única dose de Moderna, AstraZeneca ou Pfizer sendo menores de 65 anos e sendo caso tras recibir a dose, ou persoas que recibiron dúas doses de Moderna, AstraZeneca ou Pfizer, ou as combinacións admitidas) e primovacinados con dose de recordo (persoas que completaron a primovacinación e recibiron a dose de recordo).

MENOS EFECTIVIDADE CONTRA A INFECCIÓN, MAIOR CONTRA A GRAVIDADE

A investigación estimou a efectividade das vacinas en individuos primovacinados fronte a non vacinados e en individuos con doses de recordo fronte a primovacinados. Tamén se estimou a perda de efectividade da primovacinación. E fíxose fronte a dous eventos: infección e ingreso en UCI por covid-19.

De media, a efectividade axustada da primovacinación fronte á non inmunización foi do 27 % para infección e do 76 % para ingreso en UCI seis meses despois completar a pauta.

No caso de infección, sintomática ou asintomática, a taxa de incidencia global por 1.000 persoas-ano en individuos sen vacinar foi de 41,37, mentres que en persoas vacinadas foi de case a metade, 23,72, o cal evidencia maior protección coas vacinas. Para os ingresos en UCI, a taxa de incidencia en non vacinados foi de 0,45, mentres que en persoas con primovacinación completa reduciuse a 0,14 (tres veces menos).

Por grupos de idade, a efectividade máis alta das vacinas fronte a infección acadouse nos máis novos e nos maiores de 70 anos

En canto á perda progresiva de efectividade das vacinas co paso do tempo, durante os primeiros 10-15 días, a eficacia global foi inferior ao 50 %. A partir de entón, e ata aproximadamente tres meses despois de recibir a dose, mantívose por enriba deste limiar, alcanzando un máximo do 70 % entre os 30-35 días despois da vacinación. A partir do mes e medio comezou a descender de maneira case proporcional ao tempo, iniciándose a perda de efectividade. Aos seis meses, a eficacia global das vacinas fronte á infección en primovacinados caeu ata o 27 %.

En canto á perda de efectividade global fronte a ingreso en UCI, esta partiu dun 82 % e, no primeiro mes de seguimento, ascendeu ata o 93 %, o seu valor máximo. A perda de efectividade comezou a observarse a partir dese momento. Ata aproximadamente os 100 días de seguimento, a perda foi un pouco máis acusada e, posteriormente, mantívose estable nun 76,5 % polo menos ata os 180 días despois da vacinación.

Por grupos de idade, a efectividade máis alta das vacinas fronte a infección acadouse nos máis novos e nos maiores de 70 anos. Con respecto ao ingreso en UCI, parece que a vacinación resultou altamente efectiva en todos os grupos de idade.

“Estes resultados suxiren que, en xeral, as vacinas de COVID-19 foron efectivas fronte a ambos os desenlaces, observándose unha perda de efectividade tras seis meses dun 53 % para infección e dun 17 % para ingreso en UCI”, segundo Carla Guerra Tort.

VACINAS MÁIS EFECTIVAS

Os datos tamén sinalan que só Moderna e Pfizer (e AstraZeneca, lixeiramente) tiveron un efecto protector fronte á infección por covid-19.

No caso de Moderna e Pfizer, as taxas de incidencia fronte a infección foron superiores en non vacinados fronte a primovacinados, cunha diferenza de taxas superior no caso de Moderna. Para Janssen e AstraZeneca, con todo, a incidencia da covid-19 foi superior en primovacinados fronte a non inmunizados.

Carla Guerra Tort destaca especialmente o caso de Janssen, para a que a incidencia en primovacinados foi de máis do dobre que para non vacinados.

Aínda que todas as vacinas resultaron efectivas fronte ao ingreso en UCI, destacan especialmente Moderna, Pfizer e AstraZeneca, con efectividades do 70-80 % 

En canto ao risco de ingreso en UCI, as taxas de incidencia en non vacinados situáronse en 0,45 para as vacinas de Pfizer e Moderna, e en 0,42 para Janssen e AstraZeneca. Para os primovacinados, as taxas foron máis heteroxéneas, sendo máis baixas para Moderna e Pfizer (ao redor de 0,10), de 0,21 para AstraZeneca e de 0,30 para Janssen.

En resumo, aínda que todas as vacinas resultaron efectivas fronte ao ingreso en UCI, observáronse diferenzas. Destacan especialmente Moderna, Pfizer e AstraZeneca, con efectividades en torno ao 70-80 % fronte a este desenlace.

Os datos estatísticos apuntan a que só as vacinas de ARNm (Pfizer e Moderna) resultaron ser efectivas fronte a infección por covid-19. No caso de Moderna, a efectividade foi do 67,7 %; para Pfizer, a vacina administrada maioritariamente á poboación galega, obtívose unha eficacia do 34,7 %. Mentres, o risco relativo de infección en primovacinados fronte a non vacinados para Janssen e AstraZeneca foron, respectivamente, de 2,1 e de 1,1.

Para o ingreso en UCI, obsérvanse de novo mellores resultados de efectividade para as vacinas de ARNm. As estimacións da efectividade para Moderna e Pfizer foron do 78,8 % e do 82,4 %, respectivamente, mentres que para AstraZeneca foi do 71,2 % econ Janssen reduciuse a tan só un 13,1 %.

En xeral, a perda de efectividade da primovacinación fronte a infección comeza a observarse aos 40-45 días tras completar a pauta (momento no que a efectividade alcanza o seu máximo, do 70 %). A partir de entón, a efectividade comeza a descender de maneira case proporcional ao tempo. Así, aos 180 días, o seu valor era do 27 %.

Esa perda de efectividade da primovacinación fronte a infección é máis acusada en persoas entre 30 e 69 anos. Ademais, nestes grupos de idade os valores de efectividade nunca superaron o 50 %.

A de Moderna é a vacina que presenta unha menor perda de efectividade (67,7 % aos 180 días), seguida de Pfizer (34,6 % aos 180 días). Para AstraZeneca, a efectividade máxima foi dun 29,4 % e, aos 180 días, caera a valores negativos.

Moderna é a vacina que presenta maior efectividade fronte á infección por covid-19 e, ademais, menor perda co paso do tempo

Polo tanto, en conxunto, Moderna é a vacina que presenta maior efectividade fronte á infección por covid-19 e, ademais, menor perda co paso do tempo. A súa porcentaxe de efectividade foi superior ao 50 % polo menos durante os primeiros 180 días tras a vacinación, acadando o seu máximo durante as primeiras semanas tras a administración. A partir do mes e medio de seguimento comeza a perda de efectividade, primeiro de maneira máis rápida e, pouco despois dos tres meses, máis lentamente.

Para Pfizer, a outra vacina de ARNm, a efectividade comezou sendo do 50 % tras a administración, chegando a un máximo do 80 % no primeiro mes. A partir do mes e medio de seguimento produciuse a perda de efectividade que, sobre os 120 días, caeu por baixo do 50 % para finalizar aos 180 días de seguimento en algo máis do 35 %.

A efectividade para a vacina de AstraZeneca foi inferior ao 40 % ao longo de 170 días de seguimento. Neste caso, comezou sendo negativa durante os primeiros 15-20 días, o que indica que, ao pouco tempo de recibir a segunda dose, o risco de infección era superior en primovacinados fronte a non vacinados. Ao mes de seguimento se alcanzou a efectividade máxima e, a partir do mes e medio, a inmunidade empezou a caer. Entre os 70 e os 120 días de seguimento a súa efectividade mantívose estable en torno ao 20 %. A partir dos 120 días produciuse unha nova baixada e caeu de novo a valores negativos.

No caso de Janssen, non foi posible analizar a perda de efectividade, dado que os primovacinados estiveron sometidos a un maior risco de infección que os non vacinados durante os primeiros 180 días de seguimento.

En relación á perda de efectividade frente a ingreso en UCI, Moderna, Pfizer e AstraZeneca presentaron un bo comportamento polo menos durante os primeiros 180 días tras a administración. No primeiro mes de seguimento, a efectividade destas vacinas se situou, respectivamente, nun 88,4 %, un 99,2 % e un 82,5 %. Aos 90 dias, a porcentaxe de efectividade era do 78,8 % para Moderna, do 87,1 % para Pfizer e do 80,5 % para AstraZeneca. Aos 180 dias estes valores apenas mudaran, sendo de novo do 78,8 % para a primeira vacina, do 71,1 % para a segunda e do 82,4 % para a terceira.

No caso de Janssen, aínda que a vacina resultou tamén efectiva fronte a este desenlace, non chegou a alcanzar o 50 %. O valor máximo foi do 49,4 %, acado ao mes de seguimento. A partir de entón, a efectividade experimentou algunhas flutuacións e aos 180 días era do 13,1 %.

Como defende Carla Guerra Tort, “a vacinación masiva demostrou ser unha das principais medidas para o control da pandemia” e “a medida que avanza a vacinación, é importante estimar a súa efectividade na contorna real para garantir a ganancia e mantemento da inmunidade na poboación”.

MÁIS ESTUDOS

Outro estudo realizado en Galicia, publicado en marzo deste ano na revista científica International Journal of Environmental Research and Public Health, centrouse exclusivamente na efectividade da vacina de Pfizer/Biontech. 

Neste cas fíxose un estudo de control con probas negativas en Galicia para avaliar a efectividade desta vacina contra a infección, así como a hospitalización asociada á covid-19, o ingreso en UCI e a mortalidade. Incluíronse un total de 44.401 resultados positivos e 817.025 negativos das probas SARS-CoV-2 de adultos.

Outro estudo en Galicia mostrou que Pfizer ten unha alta efectividade na redución da infección en todos os grupos de idade, cunha efectividade máxima a partir das dúas semanas despois da segunda dose

Os resultados indicaron que a vacina de Pfizer mostrou unha alta efectividade na redución das infeccións por SARS-CoV-2 en todos os grupos de idade, alcanzando a efectividade máxima a partir das dúas semanas despois da administración da segunda dose, cun 92,9 % en persoas de 18-64 anos, do 85,8 % no grupo de 65-79 anos, e do 91,4 % en maiores de 80 anos.

A vacina de Pfizer tamén demostrou eficacia na prevención da hospitalización por covid-19 para todos as idades, sendo máis pronunciada para os maiores de 80 anos (60 %). Tamén se observou, en xeral, unha redución considerable no ingreso na UCI, do 88 %, de media, e da mortalidade, cun 38 % tamén de media na poboación global.

Segundo os autores desta investigación, a vacina de Pfizer mostrou unha “protección substancial contra as infeccións por SARS-CoV-2 e a gravidade da covid-19”.

Fóra de Galicia, unha investigación recentemente publicada, realizada no Hospital Público de Emergencias Enfermera Isabel Zendal, en Madrid, concluíu que as probabilidades de que unha persoa infectada coa covid-19 teña que ingresar nun centro hospitalario redúcense un 84 % no caso de estar completamente vacinada contra o coronavirus SARS-CoV-2, causante da enfermidade.

O estudo realizouse sobre unha mostra de 1.888 pacientes ingresados no centro madrileño durante a quinta onda e contou coa colaboración da Universidad de Castilla-La Mancha.

Os científicos analizaron tanto as características clínicas como a evolución de pacientes ingresados por pneumonía por Covid-19 durante a súa hospitalización, comparando aqueles que estaban totalmente vacinados cos non vacinados e con aqueles que tiñan pauta de vacinación incompleta.

Desta forma, no que foi o maior estudo unicéntrico do mundo, determinouse que as vacinas axudan a evitar o ingreso hospitalario do paciente e tamén protexen sobre a necesidade de soporte respiratorio, unha vez ingresou por pneumonía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta