Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2022 | Actualizada ás 17:22
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou que a alcaldía da cidade non volverá asistir aos actos organizados pola Xunta debido á "discriminación" cara aos máximos representantes do Concello de Ourense nos últimos actos institucionais do Goberno de Galicia. Jácome expresou que este "modus operandi" é unha "tomadura de pelo habitual nos actos da Xunta". Ademais, o rexedor expuxo tres exemplos da exclusión que sofre Ourense.
O máis recente, detonante da decisión, foi durante o acto de entrega das Medallas de Galicia, celebrado en Santiago de Compostela. Neste evento, denuncia Jácome, o rexedor ourensán foi situado nas filas traseiras, moi lonxe das primeiras filas que "corresponderían ao alcalde da terceira cidade de Galicia".
Os outros dous actos en cuestión foron a toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia e un evento celebrado no Teatro Principal de Ourense.
En ambos os casos acudiu o tenente de alcalde, Armando Ojea, que na cerimonia de toma de posesión de Rueda foi colocado xunto ao líder do PP --e exalcalde-- en Ourense, Manuel Cabezas. Por outra banda, durante a gala celebrada no Teatro Principal, o tenente --acudía en representación do alcalde-- atopábase "por detrás" de dous concelleiros do PP.
"É unha discriminación constante, e sería unha tomadura de pelo aceptar estas discriminacións, que reflicten a discriminación de Ourense e mostran que é a Cincenta de Galicia. Non teñen en consideración ao alcalde nin á cidade de Ourense", concluíu o rexedor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.