Por esta razón, a Irmandade Xurídica Galega, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Audiencia Provincial, Deputación e Concello, participarán o próximo día 29 nun acto público de descuberta dun monumento na praza de Avilés en homenaxe ás maxistradas Dalila Dopazo Blanco, e Sandra Piñeiro Vilas; os maxistrados Edgar Fernández Cloos, Eladio Prieto Bellas, Luis Villares Naveira, Manuel A. Pereira Costas; e aos fiscais Antón Fructuoso Montero, Jesús Álvarez González e Lucía Girón Conde, e á Letrada da Administración de Xustiza Ánxeles López Carballo. Na placa queda reflectida a homenaxe ás asesorías xurídicas das centrais sindicais e a todos os profesionais do Dereito e funcionariado que decotío normalizan a lingua galega nos usos xurídicos.
Inclúese especial recoñecemento á Asesoría Xurídica da Deputación Provincial que é a encargada de prestarlles asistencia a máis do 90% dos concellos da provincia, entes, socidades, fundacións públicas e aos consorcios e calquera outra entidade con participación significativa da Deputación ous dos concellos. Asistencia que consiste no asesoramento non preceptivo en dereito e na representación e defensa en xuízo en todo tipo de procesos xudiciais en todas as xurisdicións: civil, social, penal, contencioso-administrativo e mercantil.
Xudicatura, funcionariado xudicial e profesionais do dereito que están dinamizando un proceso de normalización lingüística exemplar que debería ser exemplo para todos os demais órganos xurisdicionais en Galicia.
Previamente ao descubremento da placa mencionada terá lugar na sede da Deputación Provincial un acto académico no que participarán os presidentes da Irmandade Xurídica Galega, Deputación Provincial e Audiencia Provincial, Reitor da Universidade de Santiago, Secretario Xeral de Política Lingüística e alcaldesa de Lugo. Un encontro que, unha vez pasado o tempo, terá para a lingua galega a importancia que tiveron para cadanseus ámbitos o 1º Congreso Galego de Economía (1925) e a Iª Asambela Nacionalista convocada polas Irmandades da Fala (1918).
O inxente tráfico xurídico xerado polos concellos da provincia, centrais sindicais e órganos xurisdicionais realízase en lingua galega, porque “As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada”, segundo preceptúa o art. 7.2 da Lei de Normalización Lingüística, que matiza o alcance deste dereito ao recoñecerlle “á parte ou interesado o dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”. Velaí a nai do año: é importante utilizar o idioma perante as instancias xudiciais, pero tamén instar aos xuíces que diten as resolucións e sentenzas en idioma galego, explicitando tal dereito nos escritos dos recursos.
Consonte co establecido polo Estatuto de Autonomía de Galicia os poderes públicos potenciarán o uso da lingua galega en todas as ordes da vida social aplicando o principio da discriminación positiva que a sentenza do Tribunal Constitucional prescribíu en sentenza en 1986 ditaminou para conseguir unha plena normalización lingüística superando os desiquilibrios producidos por tantos séculos de primacía do castelán nos usos xurídicos e xudiciais.
É importante, xa que logo, que as institucións que participarán na celebración no aludido acto o día 29 se impliquen en cadansúa competencia: a Deputación, como xa o fai, a través da Asesoría Xurídica; a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa implantación do programa informático que faga posible o uso do noso idioma nas sedes xudiciais; o Presidente da Audiencia Provincial alentando aos xulgados mediante unha circular motivadora; a Alcaldía de Lugo imitando o exemplo da Asesoría Xurídica da Deputación e a Escola de Prácticas Xurídica da USC en colaboración cos colexios profesionais, fornecendo de coñecementos e medios.