Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/07/2022 | Actualizada ás 18:09
A onda de calor que viviu Galicia no mes de xullo só ten un precedente en Santiago de Compostela, no verán de 1990, segundo confirman os datos rexistrados no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A pesar de todo, indican que non houbo marca na temperatura máxima, aínda que si na mínima e na media das temperaturas máximas. No que respecta ás horas de sol e á seca, "houbo xullos máis extremos", segundo apunta o director do Observatorio, José Ángel Docobo.
Así, en 2022, rexistráronse 36º4, o día 9; 39º2, o día 12; 36º0, o 13 de xullo; e 39º3, o día 14. En 1990, o 18 de xullo chegouse aos 37º8; o 19, aos 38º5; o 20, aos 40º3; o 21, aos 35º5; e o 22, aos 35º8. Lembran tamén os 39º7 alcanzados o 12 de agosto de 2003, segundo máximo histórico tras os 40º3 do 20 de xullo de 1990.
No xullo actual, o día 14 tivo unha temperatura mínima de 23º0, o que supón unha marca neste mes, a pesar de que o 20 de agosto de 1993, o termómetro non baixara dos 23º9.
Doutra banda, a media das temperaturas máximas de xullo de 2022 foi de 29º5, un dato que supera os 28º5 do mesmo mes en 1990. "Se nos referimos só á decena central no mes deste ano, pasamos ds 30 graos de medias das máximas, toda unha marca", destaca Docobo.
No que respecta ás precipitacións, no mes de xullo medíronse en Santiago só 5,5 litros /m2. Con todo, no mesmo mes en 2020, non chovera nada; en 1993, unicamente 0,9 l/m2; e en xullo de 2016, foron 1,2 l/m2. De feito, ese ano bateuse unha marca de seca no bimestre xullo-agosto cun total de 13,8 l/m2.
No referente á insolación, as 334 horas nas que o Sol brillou sobre Compostela só foron superadas por aquelas 352 de xullo de hai dous anos
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.