Valdeorras, primeira D.O. de Galicia en vendimar

O 23 de agosto comezará oficialmente a vendima no territorio da D.O. Valdeorras. Será unha das máis temperás dos últimos anos e a variedade godello seguirá sendo a protagonista, por emblemática e abondosa.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 22/08/2022 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A D.O. Valdeorras comezará oficialmente a vendima deste ano o martes 23 de agosto e farao cos traballos de recollida de uva que ten xa programados a adega Godeval, emprazada no Barco de Valdeorras. Ao día seguinte, mércores, será a quenda de Valdesil, adega situada no municipio de Vilamartín de Valdeorras. “A deste ano na comarca é unha das vendimas máis temperás dos últimos anos”, sinala José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, quen adianta que os traballos completaranse en todo o territorio amparado “ao longo dos seguintes dous meses aproximadamente”.

Acio de uvas nunha viña da D.O. Valdeorras. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.
Acio de uvas nunha viña da D.O. Valdeorras. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.

José Luis García Pando: “A deste ano na comarca é unha das vendimas máis temperás dos últimos anos”

O obxectivo é igualar ou mesmo superar os excelentes niveles de calidade obtidos o ano pasado, así como as cantidades de uva recolleitas, que en 2021 se fixaron en 4,7 millóns de quilos. “De novo a godello seguirá sendo a uva máis abondante da nosa denominación de orixe, pois tense convertido no auténtico buque insignia do territorio amparado”, salienta García Pando.

Co inicio das tarefas de recolección e procesado da uva, Valdeorras convértese no primeiro territorio amparado de Galicia en comezar oficialmente a vendima este ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta