Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2022 | Actualizada ás 14:50
Representantes da hostalaría e axentes turísticos da Coruña cualificaron de "espectacular" este verán, aínda que afrontan "con incerteza" o último trimestre do ano. Así o manifestaron, en rolda de prensa, tras unha reunión coa alcaldesa herculina, Inés Rey, para facer balance da tempada estival.
O presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), Agustín Collazos, asegurou que "os meses de xullo e agosto foron espectaculares con case tres puntos por encima de 2019", cun "85% de ocupación" e "practicamente un 15% máis de ingresos", dixo en relación aos turistas recibidos.
En cambio, lamentou a situación actual con "as enerxías disparadas" que non permitiron reflectir esta subida nos resultados, "que só foi dun 5%". Collazos recoñeceu que o sector estaba "a tremer" pola chegada do 1 de setembro, pero apuntou que "de momento a sensación é que vai ser bastante positivo, en niveis por encima de 2019".
Para o último trimestre do ano, segundo explicou, confían "no cliente de empresa" que é onde está "a clave" para que sexa "bo ou malo".
SITUACIÓN NA HOSTALARÍA
O presidente da Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, reiterou que foi "un verán bo, sen paliativos, a niveis similares a 2019" e agradeceu o "especial agarimo" do Concello da Coruña polo sector durante a época estival.
"As festas foron moi boas unido a un elemento diferenciador que é a ampliación do horario", en referencia a que durante os 15 primeiros días do mes de agosto a hostalaría puido abrir dúas horas a maiores. "Chegou ademais a todos e cada un dos barrios onde se traballou moi ben", engadiu.
En canto aos próximos meses, Cañete prevé un inverno "máis complicado" e "cun pouquiño de incerteza e de medo". "Veremos que pasa coa subida dos prezos, o IPC e a cesta da compra", advertiu.
A alcadesa, pola súa banda, fíxose eco dos bos resultados asumindo "un reto maior" que é "manter e se cabe mellorar" estas cifras o próximo ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.