Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/09/2022 | Actualizada ás 12:50
Traballadores en centros de día, na rede de escolas infantís Galiña Azul e en servizos de coidado de persoas maiores e dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar manifestáronse este xoves no barrio de Eirís, na Coruña, para reclamar medidas contra a temporalidade e melloras nas condicións laborais.
A marcha, convocada pola organización sindical CNT e coa participación dunha trintena de persoas, segundo a organización, transcorreu de forma pacífica. Con todo, cortaron o tráfico da avenida de Monelos, así como o acceso á escola infantil e o centro de día situado na zona.
"Algúns levamos 15 anos cun contrato temporal", denunciou a portavoz do comité de folga da CNT, traballadora dun centro de maiores, Lorena Alvite.
Os empregados, segundo relatou, esixen un proceso selectivo propio "separado da Xunta, no que se puntúe máis o tempo traballado no Consorcio que en calquera outro punto da Administración".
Reclaman ademais que se contabilice "a formación específica impartida polo propio Consorcio". "Agora que sae a lei para a estabilización de emprego quérennos meter no mesmo lote que á Xunta", criticou.
Ata o momento, segundo confirmou Alvite, non tiveron "absolutamente ningunha resposta" por parte da Administración, cando este xoves se desenvolve a cuarta xornada de folga no sector, convocada tamén pola CNT. "O xerente do Consorcio segue dicindo que el non ten competencia algunha do seu persoal", apostilou.
Está previsto que o paro continúe ata o próximo día 16 de setembro e se repita en diferentes períodos ata final de ano. En outubro, do luns día 2 ao venres 14; en novembro, de luns 2 a venres 11; e en decembro, do luns 12 ao venres 23.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.