Revenidas, moito máis que un festival de música

Este evento musical moveu máis de 25.000 persoas e creou 150 empregos directos. A xornada máis concorrida foi a do sábado 10 de setembro, día no que actuaron as Tanxugueiras, Baiuca, Ladilla Rusa ou Dakidarría, entre outros.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 14/09/2022 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

"A aposta desta edición do Revenidas era complexa e ambiciosa pero finalmente superáronse incluso as expectativas máis optimistas". Deste xeito resume Xoán Quintáns, un dos organizadores do festival de Vilaxoán, a histórica edición deste 2022, que se prolongou dende o mércores 7 ata a noite do domingo 11 de setembro.

Ladilla Rusa. Foto cedida pola org. de Revenidas.
Ladilla Rusa. Foto cedida pola org. de Revenidas.

En total foron máis de 25.000 persoas as que asistiron ao Revenidas chegadas de diferentes puntos do Estado, incluídas as illas, sendo a xornada máis concurrida foi a do sábado 10, con preto de 8.000 persoas que esgotaron as entradas. 

SUPERAR A PANDEMIA E CONSOLIDAR O MODELO DE FESTIVAL

Tras os dous anos de pandemia, a edición de 2022 presentábase para a organización con dous retos: superar o parón da Covid e consolidar un modelo de festival no que o protagonismo recaía nos grupos e artistas galegos --máis da metade dos nomes do cartel deste ano procedían de Galicia--.

A organización fai tamén un balance moi positivo da acollida que tiveron actividades paralelas, como foron os concertos a bordo, o roteiro musical ou a gala de circo; e tamén da nova configuración do recinto, integrando nel o parque de Dona Cocha.

Tanxugueiras. Benidorm Fest.
Tanxugueiras. Benidorm Fest. | Fonte: Foto: Rocío Cibes

RETORNO ECONÓMICO

A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. Segundo os organizadores, o festival xerou 150 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos.

As estimacións respecto ao retorno económico cifrouse en 1,2 millóns de euros que se xeraron na hostalería e outros sectores económicos de Vilaxoán e comarca pola presenza de traballadores e asistentes ao festival.

AGRADECEMENTOS

A organización trasladou o seu agradecemento ao público que asistiu ao Revenidas, "pola fidelidade e pola confianza amosada ao festival" así como "polo respecto co que se comportou en todo momento"; e tamén aos patrocinadores institucionais e privados por facer posible a realización do festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta