Mellorar a calidade de vida das mulleres con menopausia inducida polo tratamento do cancro é posible

Oncólogos galegos dirixen unha xornada sobre cancro de mama luminal organizada polo Grupo GEICAM de investigación en cancro de mama.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A calidade de vida das mulleres con menopausa inducida a consecuencia do tratamento para o cancro de mama pode mellorar grazas aos avances terapéuticos, á información recibida e a hábitos de vida saudable, segundo se desprendeu do encontro celebrado no marco do 'Espazo luminal 2022: foros de debate en enfermidade luminal', organizado por Grupo GEICAM de investigación en cancro de mama e que foi dirixido pola oncóloga Silvia Antolín, do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, e o doutor Rafael López, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Mulleres sobreviventes de cancro en Fene. POR MÁIS VIDA
Mulleres sobreviventes de cancro en Fene. POR MÁIS VIDA

A diminución do nivel de estróxenos natural na menopausa relaciónase cos tratamentos; por unha banda, en mulleres que teñen a menstruación ao recibir o diagnóstico e ser tratadas con quimioterapia, que bloquea a función ovárica, e por outro, cos tratamentos hormonais, segundo explica a doutora Antolín. Os principais síntomas da chamada deprivación estroxénica son sufocos e suores nocturnas; e vaxinais, cun aumento do fluxo, sequidade ou atrofia vaxinal, sangrado ou engrosamento endometrial.

"Estes efectos adversos son molestos e poden producir dor e diminución do apetito sexual, o que implica un detrimento na calidade de vida das pacientes", sinala esta experta. Outras consecuencias da diminución de estróxenos son a dor músculo-esquelético e a diminución da densidade ósea.

MELLORAR A CALIDADE DE VIDA É POSIBLE

Non se poden previr estes efectos, que teñen unha presenza e intensidade moi variable entre as mulleres, mais existen medidas para mitigalos. No caso dos sufocos, poden resultar beneficiosas algunhas vitaminas, así como certos antidepresivos. A sequidade vaxinal pode aliviarse mediante lubricantes e hidratantes e con doses baixas de estróxenos vaxinais, sempre baixo a indicación dun especialista, subliña a doutora Antolín. En canto á dor músculo-esquelético, pode mellorar mediante a realización de exercicio físico - en concreto, o ioga -, mentres que para a densidade ósea adoita recomendarse a toma de calcio e bifosfonatos, en función do grao de perda, segundo esta oncóloga.

O aumento da calidade de vida destas pacientes pasa por proporcionar información detallada e comprensible dos efectos do tratamento oncolóxico ao inducir a menopausa. "Tamén pode axudalas a soportar mellor as consecuencias da deprivación estroxénica un cambio na terapia hormonal, no caso de que os síntomas sexan intensos, e promover hábitos de vida saudable, como a actividade física diaria e unha dieta equilibrada", indica a doutora. Ademais, "desta forma, diminúese o risco de abandono da medicación e favorécese o cumprimento terapéutico durante os anos indicados, para que a paciente alcance o máximo beneficio", subliña.

No terreo terapéutico, están a producirse avances que melloran a calidade de vida destas mulleres, mediante a posibilidade de administrar a cada paciente un tratamento máis individualizado. Neste sentido, xa é posible evitar a quimioterapia a un gran número de mulleres grazas ao estudo xenómico do tumor. "Da mesma maneira, no futuro poderemos seleccionar mellor a duración das terapias hormonais e, coa mellora no diagnóstico precoz, evitar incluso a necesidade de tratamento", expresa a doutora Antolín, que destaca, ademais outras intervencións non farmacolóxicas como a acupuntura ou o láser para os efectos a nivel vaxinal, que poden contribuír ao control dos síntomas.

BIOPSIA LÍQUIDA

O futuro do diagnóstico, tratamento e seguimento do cancro de mama tamén pasa pola utilización de ferramentas como a biopsia líquida, aspecto no que tamén se centrou o encontro. Entre as principais aplicacións destas técnicas nas que se está traballando atópase, por unha banda, "en cancro de mama metastásico, axudar a seleccionar o tratamento que ten maiores probabilidades de responder os datos moleculares obtidos, a monitorizar a resposta á enfermidade dunha forma máis temperá e precisa, e a anticiparse ás resistencias que xeran os tratamentos, co que será posible elixir de maneira temperá o seguinte tratamento a pautar e retirar o que non resulta efectivo", segundo o doutor Rafael López.

Doutra banda, tamén permitirá determinar a presenza de enfermidade (o que se denomina enfermidade mínima residual) tras un tratamento local, o que axudará a coñecer que pacientes van necesitar ou non tratamentos sistémicos adxuvantes. Este experto destaca igualmente entre as utilidades da biopsia líquida a detección precoz, "que permitiría realizar tratamentos ante tumores menores que cos actuais métodos, xeralmente mamografías, e así ser máis eficaces e menos agresivos?.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta