A atleta Maite Rojo, ante a carreira máis dura do mundo: "Quero chegar a meta coa bandeira galega na man"

Esta ultrafondista está a piques de participar na histórica proba do Spartathlon, onde terá que percorrer 246 quilómetros en 36 horas entre as cidades gregas de Atenas e Esparta. Sigue así os pasos do seu irmán Diego Rojo, un dos poucos galegos en rematar esta carreira tan esixente dentro do tempo estimado.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Maite cativa era medosa e introvertida. Nunca imaxinou que de maior ía percorrer mundo por mar, como capitá de barco, e por terra, como ultrafondista. Agora, aos seus 49 anos de idade, Maite Rojo está a piques de competir nunha das carreiras máis duras do mundo: o Spartathlon, un ultramaratón onde se percorren 246 quilómetros en 36 horas entre as cidades gregas de Atenas e Esparta. Rojo conseguiu pase directo a esta proba tras completar as 24 horas de Barcelona, onde quedou primeira na categoría feminina, quinta na xeral e terceira mellor marca en España. Fixo un total de 216,9 quilómetros. Antes, xa destacara nas tamén 24 horas de Auckland (Nueva Zelanda).

Maite Rojo nunha competición
Maite Rojo nunha competición | Fonte: arquivo

"Estou emocionada. Isto é moi excitante e síntome preparada, pero os nervios e un pouco de medo non mos quita ninguén. Sei ben como son as probas de ultrafondo e en 36 horas poden pasar moitas cousas", explica Maite Rojo ao teléfono un par de días antes de coller o voo ata Atenas. Na competición, que se desenvolverá entre o 30 de setembro e o 1 de outubro, estará acompañada polo seu irmán, Diego Rojo, con quen compartiu moitas outras carreiras e quen xa participou no Spartathlon do 2019; e correrá canda a outra ultrafondista ourensá: Helena Domínguez. "Dúas mulleres e dúas galegas" nunha das citas máis importantes do mundo para o ultrafondismo, di con orgullo.

"UN SOÑO CUMPRIDO"

"Xa só o feito de estar alí paréceme un soño cumprido, é histórico. Se remato, podería ser a segunda muller española en conseguilo, só despois de Eva Esnaola, que para min é unha heroína, unha referente", sinala Rojo, que desexa chegar a meta "coa bandeira galega na man". "É unha carga grande, pero como se trata dunha proba mundial, dalgún xeito sinto que estou representando Galicia e España". Cada unha das súas pisadas irá adicada ao seu pai, que sofre unha enfermidade dexenerativa moi pouco coñecida chamada Síndrome Corticobasal. "Quero que cada quilómetro conte para axudar na investigación científica de enfermidades raras", explica, e por iso impulsou unha doazón en migranodearena.org.

Para esta proba, Maite leva preparándose catro anos, á procura sempre dos ocos libres que lle deixa a que é a súa profesión: patroa de barco. "Son facetas moi imcompatibles, pero sempre intento sacar tempo para correr", explica. "Este verán só me centrei en entrenar, durmir, comer e ver algunha amizade. Só en agosto fixen 1.000 quilómetros de entrenamento e cando finalice o Spartathlon chegarei aos 5.000 quilómetros no que vai de ano". É consciente, di, da "loucura" que isto significa. "Pénsoo e non o creo, a maioría da xente di que quen nos dedicamos ao ultrafondismo estamos tolos, e é totalmente verdade!", comenta entre risas. Mais é algo que, unha vez que engancha, non podes deixar atrás. 

Maite Rojo, patroneando o veleiro
Maite Rojo, patroneando o veleiro | Fonte: remitida

Maite non se imaxina a vida sen o deporte. "Sempre está presente. A nivel físico é importante para sentirse en forma, e a nivel mental é coma unha terapia, permíteme estar comigo mesma. Durante tantas horas correndo chegas a concentrarte en cousas que xamáis sairían se só vas do traballo para a casa", sinala. Do ultrafondismo gústalle, sobre todo, o sentimento de "familia" que se xera entre os deportistas ao longo dos quilómetros percorridos. "É tan duro, choras, súas, sangras, que todos nos involucramos moito con todos. Se a ti che pasa algo, xa paran cinco contigo. Créase moi bo ambiente", relata. 

CADA VEZ MÁIS MULLERES

Ela comezou no atletismo con 13 anos na Coruña. Os estudos e o traballo impedíronlle continuar na competición máis alá dos 19, pero logo regresou con toda a forza aos seus 40. "Para min isto é un reto, buscas os teus propios límites e paréceche incrible que o ser humano poida chegar a tales graos". A experiencia que dá a idade, di, é fundamental en carreiras de fondo coma estas, o que explica que moitas das persoas participantes non sexan especialmente novas.

Con tal traxectoria ás súas costas, Maite Rojo coñece ben a evolución do deporte a nivel de xénero. "Cando empecei no atletismo eramos catro mulleres contadas cos dedos das mans, non había referentes femininos en quen fixarse, pero agora alégrome moitísimo cando vou a probas de carreiras de montaña e vexo que somos 50-50", explica. Aínda que a presenza de mulleres agora é maior, facerse visibles segue sendo un reto. "Quédanos moito por facer na inclusión das mulleres no deporte en xeral. Sígome movendo moito nun mundo de homes, tamén en vela lixeira, windsurf... Eu son monitora e moitas veces son a única muller. Noto que pouco a pouco está cambiando a cousa e que os compañeiros nos apoian, pero custa. Custa estar aí e facerse ver", recoñece. 

LONGAS DISTANCIAS TAMÉN NO MAR

Ás travesías de récord por pistas e montañas, Maite suma longas e numerosas viaxes por mares de todo o mundo. Primeiro comezou como mariñeira, pero foise abrindo paso pouco a pouco, de novo aquí entre homes, e escalou ata capitá de barco. Agora, ela encárgase de trasladar embarcacións dunha punta a outra do planeta. Atravesou o Océano Atlántico dúas veces e chegou a dar case media volta ao mundo, unhas 11.000 millas. "Dinme de cativa que vou acabar sendo capitá de barcos e pártome de risa! Foi a vida que me foi levando por estes camiños...", explica Maite, cuarta xeración de mariños.

Natural de Malpica e criada na Coruña, o mar, igual ca o deporte, sempre fixo parte da súa vida. As historias que o seu pai lle contaba tras navegar o Gran Sol ou Noruega en barcos mercantes ou petroleiros ían espertando a súa curiosidade cando era cativa. Hoxe, é ela quen suca os mares que noutrora tan só imaxinaba. Combinar este traballo co ultrafondismo é duro, explica, pero Maite non desaproveita ningunha oportunidade para botar a correr. "Sitio no que paro co barco, sitio no que entreno: Caribe, Antigua, Panamá, Illas Marquesas, Galápagos...". A lista é infinita. "Descubrir tantos lugares camiñando ou correndo é marabilloso".

Ás portas da carreira máis importante da súa vida, pasan pola súa mente moitos destes recordos. "Tamén penso nas miñas amigas, esas coas que comecei a entrenar na Coruña e que seguen estando aí", di Maite, que non concibe outro xeito de ver o mundo se non é sobre unhas zapatillas ou fronte ao temón dun barco. Quilómetro a quilómetro, milla a milla. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta