Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 17:55
A entidade de vixilancia da publicidade Autocontrol ditaminou que a web de Zara (Grupo Inditex) mostra modelos "cunha delgadez extrema". Segundo o ditame de Autocontrol, a publicidade da liña Trafaluc, dirixida ao público adolescente, "incita á adquisición de pautas ou comportamentos que poden resultar nocivos para a saúde".
A resolución vén por mor dunha denuncia de Consumidores en Rede, que presentou unha reclamación ante o Xurado de Autocontrol da Publicidade contra ZARA S.A. (Grupo Inditex), tras comprobar que as modelos seleccionadas tanto na súa web como na o app, para publicitar as pezas da marca dirixidas a mozas adolescentes, "presentan unha delgadez extrema".
Segundo a directora de Consumidores de Rede, María Álvarez, "tal e como se argumentou na reclamación, dubidan de que ningunha das modelos supere o limiar de índice de masa corporal saudable, a tenor do seu escuálido aspecto". "O noso escrito de reclamación ía acompañado dunha selección de numerosas fotografías que mostran sobradamente que non se trata dun feito illado, senón dunha xeneralidade do perfil de modelos seleccionada pola marca como reclamo para a venda das pezas publicitadas", apunta.
Por outra banda, Consumidores en Rede advirte de que "a influencia da aparencia das modelos excesivamente delgadas empregadas en publicidade dirixida a público adolescente, especialmente vulnerable, coadxuva como desencadenamento de trastornos que, unida a outras causas, pode detonar en anorexia ou bulimia ou empeorar o estado das xa enfermas".
Segundo manifesta Autocontrol, o ditame "coincide con Consumidores en Rede en que algunhas modelos presentan un corpo con delgadez extrema que, na forma en que aparece nas imaxes, dificilmente podería ser considerado como saudable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.