Estas son as razóns científicas para prohibir fumar nas terrazas de bares e restaurantes

Expertos defenden que o fume do tabaco e o vapor dos cigarros electrónicos empeoran a calidade do aire e contribúen a espallar e contaxiar virus como o da covid-19.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Co borrador da reforma da lei antitabaco prometida polo Goberno central conxelado nalgún caixón, algunhas autonomías decidiron tomar as rendas e avanzar nas restricións aos fumadores en espazos públicos. Particularmente, as terrazas ao aire libre de bares e restaurantes están agora no centro da polémica. Aragón, Comunidade Valenciana e Baleares non permiten fumar nas terrazas desde que o prohibiron con motivo da pandemia de covid-19, e a Generalitat catalana está traballando nunha normativa para ampliar os espazos libres de fume en exteriores, entre eles, contornas de escolas e terrazas da hostalaría. Mentres, en Galicia, aínda que se prohibiu durante a pandemia, agora volve estar permitido fumar nas terrazas. Pero que din a ciencia e os expertos sobre isto?

Unha persoa fuma nunha terraza dun bar
Unha persoa fuma nunha terraza dun bar | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

“Múltiples estudos mostran que a alta exposición ao fume do tabaco nas terrazas aumenta o risco de desenvolver enfermidades cardiorrespiratorias, especialmente na poboación vulnerable, pero tamén de infeccións respiratorias. O fume do tabaco pode ser un excelente vehículo de transmisión de partículas virais, favorecendo a covid-19”. Esta é a principal conclusión dun estudo de revisión realizado por científicos dos servizos de pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid, Hospital Universitario Fundación Alcorcón, Hospital Universitario Virgen de la Victoria de Málaga, Hospital Virgen de los Lirios de Alcoy (Alacante), Organización Sanitaria Integrada (OSI) Barrualde-Galdakao (Euskadi) e da Unidade Especializada en Tabaquismo da Comunidade de Madrid, no Hospital Clínico San Carlos.

Os expertos piden “prohibir fumar e vapear nas terrazas para protexer os non fumadores e fumadores da covid-19 e para previr outras enfermidades"

Hai evidencias científicas, polo tanto, de que os non fumadores, ou fumadores pasivos, están expostos tamén aos efectos nocivos do tabaco e outros aparellados en espazos abertos. Por iso, estes expertos instan as autoridades sanitarias a “prohibir fumar e vapear nas terrazas e manter estas medidas de forma permanente non só para protexer os non fumadores e fumadores da covid-19, senón tamén para previr outras enfermidades asociadas ao tabaquismo pasivo”, argúen.

No Eurobarómetro ‘Actitudes dos europeos cara ao tabaco e os cigarros electrónicos’ de 2020 recolleuse a prevalencia do consumo observado en terrazas e espazos de lecer ao aire libre (concertos, eventos deportivos, etc.) nos países da Unión Europea máis Gran Bretaña. No Estado español, o consumo observado alcanzou o 88% nas terrazas de bares e un 78% en eventos ao aire libre. Estes datos sitúan España á cabeza xunto con Francia, Bélxica e Chipre no consumo de tabaco e cigarros electrónicos en espazos públicos abertos.

PEOR CALIDADE DO AIRE

“A pregunta é se este consumo en terrazas e zonas de lecer ao aire libre afecta a calidade do aire”, expoñen os científicos. E os estudos revisados por estes indican que si, que en zonas mesmo peonís onde existe unha alta densidade de terrazas e onde se consume en abundancia tabaco e cigarros electrónicos a calidade do aire pode chegar mesmo a ser peor que en zonas paralelas con alta densidade de tráfico.

Polo tanto, hai que facer unha segunda pregunta: “A contaminación e a peor calidade do aire destes espazos abertos afectan a saúde dos non fumadores”, expoñen os científicos. E a resposta, baseada de novo en estudos científicos revisados, é que “ de feito, si”, xa que “esta contaminación expón os non fumadores a niveis substanciais de partículas, substancias canceríxenas, monóxido de carbono, hidrocarburos aromáticos policíclicos, nitrosaminas, aldehidos, compostos orgánicos volátiles e óxidos de nitróxeno”, describen.

"A exposición a niveis elevados de fume de tabaco adoita producirse a menos de dous metros, porén, se hai moitos fumadores, poden producirse niveis elevados máis aló dos dous metros"

“Ao igual que en ambientes interiores, onde a exposición aumenta a medida que un se achega aos cigarros acesos, o ‘efecto de proximidade’ tamén se produce ao aire libre. A exposición a niveis elevados de fume de tabaco adoita producirse a menos de dous metros das fontes de fume, e os niveis diminúen máis aló desa distancia; porén, se hai moitos fumadores, poden producirse niveis elevados máis aló dos dous metros”, clarifican estes investigadores.

Como explican, os non fumadores respiran o fume exhalado polos fumadores ou o fume da queima doutros produtos do tabaco, e ese fume ten unha complexa composición cunha serie de compoñentes que se poden medir en mostras ambientais (aire, po e superficies). Eses contaminantes residuais do fume do tabaco permanecen nas superficies interiores e no po doméstico despois do consumo de tabaco, así como nas partículas atmosféricas en ambientes exteriores. E reaccionan con outros compoñentes do medio ambiente para producir contaminantes secundarios. Pois ben, “unha ampla evidencia científica apoia a conclusión de que causan enfermidades”, sosteñen os autores desta revisión científica.

Ademais, poñen tamén o foco nas cabichas dos cigarros, xa que “o problema básico non reside só no tempo que estes residuos permanecerán no medio ambiente, senón tamén na toxicidade que acumulan”. Así ,recordan que o filtro da cabicha do cigarro está deseñado para acumular os compoñentes do tabaco, incluídos os produtos químicos máis nocivos, que se liberan cando entran en contacto coa auga.

"Nas cabichas hai numerosas substancias, incluíndo pesticidas, etilfenol, nicotina, mentol, dietilenglicol, diversos metais, alcatrán e canceríxenos, todas moi tóxicas”

“Nas cabichas dos cigarros están presentes numerosas substancias, incluíndo pesticidas (presentes no filtro cun potencial efecto tóxico sobre o medio ambiente, que poden bioacumularse na cadea alimentaria humana), etilfenol (utilizado como axente aromatizante, acumúlase no filtro e é potencialmente letal), nicotina (tóxica para animais e humanos), mentol (usado como aditivo), dietilenglicol (utilizado como humectante), diversos metais (Al, Ba, Cd, Cr, Cu, Cu, Fe, Mn, Ni, Pb, Sr, Ti e Zn), alcatrán e canceríxenos; todas moi tóxicas”, enumeran.

En canto aos cigarros electrónicos, subliñan que tamén contaminan o medio ambiente: “Non só contaminan o aire que rodea o usuario (compostos orgánicos volátiles, aerosois, metais pesados, nicotina, aromas, propilenglicol e glicerina), senón que tamén producen residuos que se depositan en superficies, roupa, etc., e residuos sólidos (baterías, plásticos, metal, tecidos, vidro, material de almacenamento e os chamados residuos electrónicos e líquidos (derivados e aromas da nicotina)”.

INFECCIÓNS RESPIRATORIAS

Está cientificamente demostrado que a exposición ao fume do tabaco se asocia cun maior risco de infeccións respiratorias. Con todo, os expertos recoñecen que “hai pouca evidencia científica sobre a frecuencia das infeccións respiratorias como consecuencia da exposición ao fume en espazos públicos abertos como terrazas”, aínda que “existen varias razóns que suxiren esta afirmación”, xa que se atoparon “altas concentracións de partículas como PM2.5 nestes espazos en concentracións comparables a ambientes con alta densidade de tráfico”.

Zonas peonís con alta densidade de terrazas e de fumadores teñen concentracións contaminantes similares ou maiores que zonas con alta densidade de tráfico

Ademais, está demostrado que “existe unha relación entre o aumento da exposición a curto prazo a PM2.5 e o aumento do risco de infeccións respiratorias agudas sintomáticas entre os adultos”, salientan.

MÁIS RISCO DE COVID-19 EN FUMADORES

Son numerosos os estudos que demostraron que fumar pode producir non só unha peor evolución da covid-19, senón tamén un aumento das complicacións respiratorias desta enfermidade, incluído ingreso en unidades de coidados intensivos (UCI), uso de ventilación mecánica e máis mortalidade. Por exemplo, 109 artigos científicos que implicaban 517.020 pacientes mostraron unha asociación estatisticamente significativa entre o historial de tabaquismo e a gravidade da covid-19, como destacan os expertos.

A relación entre vapeo e covid-19 tamén se investigou en varios estudos. E observouse que entre os pacientes que desenvolveron covid-19, os que vapeaban tiñan máis probabilidades de ter dor ou opresión no peito (16% fronte a 10%), calafríos (25% fronte a 19%), mialxia (39% vs 32), dores de cabeza (49% vs 41%), afectación no gusto e/ou no olfacto (37% vs 30%), náuseas/vómitos/dor abdominal (16% vs 10%), diarrea (16% vs 10%) e mareos non graves (16% vs 9%).

“Hai varias razóns que explican por que os fumadores e vapeadores teñen máis probabilidades de contraer a infección por SARS-CoV-2 que os non fumadores: durante a pasada epidemia de MERS-CoV descubriuse que os fumadores tiñan máis probabilidades de ser infectados por este coronavirus, e este virus é a mesma familia do SARS-CoV-2; a infección viral e bacteriana é máis frecuente entre os fumadores porque presentan alteración do seu sistema inmunitario; o movemento da man/boca identificouse como un mecanismo de transmisión viral na covid-19, e ste movemento é máis frecuente en fumadores e vapeadores que en non fumadores”, relatan os científicos autores desta nova revisión, que salientan tamén a existencia de estudos que indicaron que “a prevalencia da covid-19 aumentou significativamente a medida que aumentaba a prevalencia do tabaquismo”.

“En conxunto, con todos os achados existentes, podemos concluír que fumar ou vapear poden facilitar a infección por SARS-CoV-2”, afirman.

TRANSMISIÓN DO VIRUS POLO FUME

En canto ao mecanismo de transmisión da covid-19, sábese que o fume do tabaco e o vapor dos cigarros electrónicos vapeo son “unha das principais fontes de emisión de partículas, principalmente partículas máis pequenas (PM2 ,5) que son as que permanecen máis tempo suspendidas no aire e as que teñen maior depósito nas vías respiratorias ao ser inhaladas”, expoñen estes investigadores, que relacionan estas partículas coa expansión de virus: “Existen múltiples evidencias de que a materia particulada, principalmente PM2.5, pode actuar como vector de transmisión de patóxenos, especialmente virus, como o virus sincitial respiratorio (VSR), o sarampelo, a gripe ou a febre hemorráxica”.

“Con todos os achados existentes, podemos concluír que fumar ou vapear poden facilitar a infección por SARS-CoV-2”

Existen, polo tanto, sólidas evidencias para validar a hipótese de que é posible a transmisión de covid-19 por exhalación de fume de tabaco e vapor dos cigarros electrónicos. “Coñecer as vías de transmisión das infeccións respiratorias é fundamental para poder facer recomendacións que minimicen o risco de contraelas. No caso da covid-19, as vías de infección son complexas, pero considerouse que a transmisión por vía aérea representa a vía de infección dominante”, recordan os científicos, que advirten de que a separación de 1-2 metros para evitar o contaxio “pode non ser suficiente, especialmente nos lugares onde hai fume de tabaco”.

Así, aclaran que “os aerosois e o fume xerados por cigarros e dispositivos electrónicos poden ser fontes de covid-19. Isto explícase porque as partículas do virus SARS-CoV-2, de 0,1 μm de diámetro, poden adherirse ás partículas e gotículas dos aerosois do tabaco que teñen un diámetro maior, entre 0,2 e 0,5 μm, de tal xeito que os aerosois cargados co virus poidan viaxar ata distancias de 7–8 metros, aumentando o rango de contaxio máis aló dos un ou dous metros que adoitan considerarse seguros; ademais de alcanzar maiores distancias, cando se asocian cos aerosois de tabaco, poden depositarse e sobrevivir durante horas, mesmo días, nas superficies”.

En definitiva, explican, “esta peculiaridade da adhesión ao fume exhalado do tabaco e dos cigarros electrónicos, como vehículos para alcanzar distancias maiores, fai que o tabaquismo e o vapeo sexan un risco de infección do virus tanto nos fogares como nos lugares públicos”. En todo caso, recoñecen que son necesarios novos estudos epidemiolóxicos para confirmar esta hipótese.

TERRAZAS, UN AMBIENTE FAVORABLE PARA OS CONTAXIOS

Segundo estes expertos, o problema das terrazas é que “son espazos abertos con alta concentración de fume de tabaco e as súas partículas poderían manter o virus SARS-CoV-2 nestes lugares durante máis tempo, ademais de alcanzar maiores distancias”.

“O comportamento do fumador e os seus patróns xestuais favorecen unha maior transmisión de partículas virais"

Ademais, “o comportamento do fumador e os seus patróns xestuais favorecen unha maior transmisión de partículas virais", ao que se engade que “fumadores e non fumadores permanecen máis tempo nas terrazas sen máscaras, sendo maior o risco de transmisión”. E sinalan a existencia doutros factores que tamén poden influír no risco de transmisión da covid-19 nas terrazas, como a concentración de fumadores, o tempo de exposición a este fume, a concentración de partículas ou a ventilación”.

“Todo isto fai que estes lugares poidan ser inseguros en relación coa propagación da covid-19”, conclúen estes expertos, que consideran “fundamental a realización de novos estudos que analicen este risco naquelas persoas que se expoñen moitas horas ao tabaquismo e vapeo pasivos, como os traballadores da hostalería”.

PROHIBICIÓN “NECESARIA”

Ante as evidencias científicas existentes, a Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica (SEPAR) pediu incluír na reforma da Lei Antitabaco cinco medidas irrenunciables, e unha delas é a prohibición de fumar en espazos públicos abertos como terrazas.

Como membros da SEPAR, os autores desta revisión científica instan as administracións públicas a “declarar as terrazas como ambientes libres de fume”, argüíndo catro razóns: “Defender os non fumadores dos axentes tóxicos do tabaco e dos aparellos electrónicos; evitar a transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2 a través do fume do tabaco tanto en fumadores como en non fumadores, evitando o contaxio; protexer os empregados da hostalaría das consecuencias da exposición ao fume do tabaco e ás toxinas liberadas polos dispositivos electrónicos; promover nos fumadores motivos para deixar de fumar, o que aumentaría as súas posibilidades de deixar de fumar, evitando complicacións asociadas ao tabaco, como a maior gravidade da covid-19”.

Pero non se trata dun problema relacionado exclusivamente coa covid-19. Para estes expertos, “a prohibición de fumar e vapear nas terrazas debe manterse no tempo e non só circunstancialmente, xa que non só podería previr as infeccións por SARS-CoV-2, senón tamén outras infeccións respiratorias e enfermidades relacionadas co tabaco, mellorando a saúde dos españois”.

"Prohibir fumar en espazos públicos abertos vai protexer os non fumadores, vai favorecer que fumadores se propoñan en serio o abandono e serve para disuadir ou evitar que outros se inicien no consumo do tabaco"

“Prohibir fumar en terrazas, en recintos ao aire libre ou en calquera espazo público aberto é unha das medidas que solicitamos desde hai moito tempo. Paréceme unha boa iniciativa e agardo que o resto de autonomías se adhiran e que isto sexa o inicio desa nova lei antitabaco que demandamos e na cal está contemplado que se prohiba fumar nas terrazas e noutros espazos públicos abertos”, argúe o galego Carlos Rábade, un dos autores deste estudo de revisión, pneumólogo no CHUS e coordinador da área de tabaquismo da SEPAR.

“Este tipo de medidas, por unha banda, van protexer os non fumadores, e por outra, tamén van favorecer que fumadores que non pensaban deixar de fumar se propoñan un intento serio de abandono. Doutra banda, serve para disuadir ou evitar que novos fumadores se inicien no consumo do tabaco e para desnormalizar o seu consumo. Por tanto, este tipo de medidas son moi importantes”, considera o médico galego, a través do Science Media Centre (SMC).

De igual xeito, Manuel Franco, epidemiólogo e portavoz da Sociedad Española de Salud Pública y Administración Sanitaria (SESPAS) cre que a prohibición “é necesaria”.

“Sabemos que levamos décadas deseñando o tabaco para que sexa unha substancia altamente aditiva e que, ademais, é un gran negocio para moitos. Iso é o tremendo do tabaco: desde os anos 60 sabemos que é un perigo para a nosa saúde individual e para a saúde da poboación, e que ademais hai un gran negocio detrás. Polo tanto, previr que a xente comece a fumar e ademais axudar a que os que xa estamos enganchados deixamos de fumar é fundamental”, comenta a través do SMC.

Para este epidemiólogo, “a situación das terrazas é moi grave”, e pon como exemplo: “Hai tempo demostramos nunha investigación que os límites da exposición ao fume do tabaco estaban sobrepasados ​​na gran maioría das terrazas de Madrid”.

Polo tanto, as evidencias e criterios científicos chocan cos intereses económicos da hostalaría, que defende que se fume nas terrazas e que cre que a prohibición terá impactos negativos no sector. Pero o tempo demostrou que a prohibición de fumar nos interiores dos locais de lecer non prexudicou o negocio e saneou os ambientes interiores.

AUMENTA O ABANDONO DO TABACO

A proporción de abandono de consumo de tabaco incrementouse “intensamente e de forma sostida” desde o ano 1987 no conxunto do Estado, aínda que se detectaron importantes diferenzas segundo a idade e o nivel de estudos, segundo un estudo publicado tamén agora por expertos da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, do Centro Nacional de Epidemiología, no Instituto de Salud Carlos III de Madrid, e do Grupo de Trabajo de Tabaquismo da Sociedad Española de Epidemiología.

Os investigadores comprobaron que a proporción de abandono aumentou desde 1987 a 2017 un 18,6%, sendo moderadamente superior nos homes (19,2%) que nas mulleres (16,5%).

Tamén se observou un incremento do abandono en todos os grupos de idade, pero foi maior canto máis aumentaba a idade, cun 22,4% de abandono en persoas a partir de 65 anos. E constatáronse tamén diferenzas por nivel de formación, de maneira que as persoas con estudos universitarios mostraron un maior incremento de abandono do tabaco, un 32,7%, fronte ás de menor nivel de estudos, un 9%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

En moitas vilas e cidades, durante a pandemia, a xente respectaba os veciños de terraza, levantándose e alonxándose un pouco para fumar: mágoa que agora xa non. Parabéns pola exhaustividade do artigo.